Advertisement
Puntogal
A crise que non cesa PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Ramón Muñiz   
lunes, 05 de octubre de 2009

Os gobernos occidentais, administradores do gran capital, culparon da profunda crise económica que vivimos á insaciabilidade desbordada de  certos grupos económicos  que dalgún xeito infectaron  o sistema, e no colmo da desvergoña, incluso aos sobresoldos que cobran algúns executivos ou tecnócratas de elite obviando, por suposto, os beneficios dos seus amos. De xeito, que lonxe de ser algo consubstancial ao sistema neoliberal que defenden, a depresión económica non foi outra cousa que unha deformación  producida por uns sectores que falsificaron as   súas virtudes de eficiencia  no desenvolvemento mundial. Illar este virus para continuar o mesmo foi a conclusión que chegaron estes mandatarios subalternos,  nada dispostos a cambiar de sistema  por unha crise que non só non afecta ao gran capital industrial, financeiro e especulativo, senón que máis ben o reforza a tenor das substanciais axudas e favores que recibiron.

Para non alarmar, primeiro os  dirixentes políticos dixeron que a crise remataría no ano 2009, pero os feitos son túzaros e esta continúa inexorable e preocupantemente, e cando a incredulidade e o desanimo entre a xente corrente renden perigosamente, agora volven dar novos folgos tranquilizadores advertindo  de que xa  en Europa vese o amencer, aproximándose o fin da recesión en varios países, si ben na España pode tardar un pouco máis.

Pero o paro e a precariedade continúan medrando teimudamente, precisamente  os efectos máis perniciosos e os que certifican a continuidade dunha crise que non cesa, con recesión ou sen ela, e que prestixiosos teóricos da economía internacional, alleos á ortodoxia oficial, predín a súa desastrosa lonxevidade de seguir o capital nas súas trece. De nada valen medidas conxunturais senón se cambia de sistema, pero o G non sei cantos,  empéñase na continuidade do  neoliberalismo, fieis ás ordes dos verdadeiros poderes fácticos, os donos do mercado.

Porén, a pesar da gravísima crise que padecen millóns de persoas sen traballo ou cunha mingua do seu poder adquisitivo que os incluíu nas listas da precariedade, a  explosión social non se produce máis alá dalgúns “brotes vermellos” até agora controlables.  Cuns sindicatos maioritarios debilitados e os minoritarios con escasa influencia, unha socialdemocracia domesticada, unha esquerda real irrealizable e unha cidadanía afectada que resiste resignada baixo o criterio de  sálvese quen poida procurando estratexias de sobrevivencia persoal, non se vislumbra unha resposta social contundente propiciadora dun cambio real. Por outra banda, a opinión publicada, na inmensa maioría no seu papel debedor dos que mandan,  falando hoxe de “brotes verdes”, mañá do medre da bolsa, e pasado da suba do PIB (claro está en comparación co mes que conveña) xeran unha esperanza desmovilizadora.  

A propósito do paro, dise que en Galiza a cousa está  mellor neste aspecto que no resto do Estado. Atribúese isto á menor actividade  na construción a diferenza das zonas turísticas, o que supón a demanda de menos traballadores neste sector e polo tanto menos parados. Curiosa conclusión. Seguindo con este razoamento canto menos empresas haxa en Galiza en comparación con outras zonas, menos traballadores necesarios e polo tanto menos paro. Pero na realidade os produtores  existen e si non hai aquí empresas da construción ou do que sexa, buscaranse noutros lugares. Deste xeito, a emigración é o recurso, e Canarias un dos principais sitios elixidos, onde o paro acada  nada menos que  o 29 % desa Comunidade. Habería que ver cantos desa porcentaxe son galegos e así seguramente veriamos como se incrementaba o paro en Galiza.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >