 Aeroporto de Alvedro O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou que a Administración autonómica está disposta a “colaborar” co Ministerio de Fomento, que dirixe o lucense José Blanco, para crear “un único sistema aeroportuario” na Comunidade con tres terminais, na Coruña, Santiago e Vigo, porque iso “é o que pide a inmensa maioría dos galegos”.
“É unha proposta que compartimos”, dixo Núñez Feijóo, que tamén recoñeceu que “o Ministerio de Fomento, por fin, está exercendo as súas competencias e espero que as exerza ata o final, porque vai ter o apoio da Xunta de Galicia”. Na mesma liña, reiterou que o departamento do ministro José Blanco “ten competencias exclusivas sobre os aeroportos galegos e, polo tanto, é ao que lle corresponde dirixir e liderar a agrupación nun único aeroporto, con tres terminais en Galicia”. De feito, Núñez Feijóo confirmou que a Xunta aspira á creación “dun gran aeroporto galego, que potencie as tres terminais”. Trátase, ao seu xuízo, de “agrupar e sumar para facer unha Galicia única e non de dividir e restar para facer galicias pequenas”. O xefe do Executivo galego fixo estas declaracións na roda de prensa posterior ao Consello da Xunta de Galicia, que se celebrou de forma extraordinaria, e por primeira vez, en Lugo.
Trackback(0)
|