|
Como dicía Giuseppe Mazzini: "A fraternidade é o amor recíproco, a tendencia que conduce ao home a facer para os demais o que el quixera que os seus semellantes fixesen para el". Estou convencido de que na ilusión do pasado incubouse o contexto presente, así como nos ideais futuros latexarán escenarios ignorados actualmente onde a fraternidade ha xogar un papel destacado, porque sen fraternidade é imposible alcanzar a felicidade.
Que é a felicidade? Non existe unha idea, noción ou resposta única que, definitivamente, conteste a este interrogante porque a felicidade é, esencialmente, unha aspiración persoal e o concepto de felicidade ten moito de subxectivo. Deste xeito toparemos individuos que perseguen o benestar material baseado en ter unha casa máis grande ou un coche máis caro mentres que outros aspiran á felicidade de ser máis austeros e prescindir de máis cousas; para algúns a felicidade é un período transcendental que pode ser soamente equiparado co nirvana do Olimpo, para outros é un momento cotián e baseado en adaptarse ás súas propias circunstancias. Eu estimo que ser feliz é achar pracer na vida e estar satisfeito co que un é e fai. Porén, moitas veces esquecemos que a felicidade é unha decisión persoal, que demanda o desexo e o empeño de sentirnos felices. Cantas veces nos facemos prisioneiros de rutinas que nos encadean? Por que somos tan estúpidos e deixamos que a filosofía de vida "consumista" nos peche a posibilidade de atopar novos intereses? Cantas veces nos queixamos da nosa mala sorte sen decatarnos de que temos a posibilidade de cambiala hoxe mesmo? En demasiadas ocasións perdemos a perspectiva do que é realmente importante na nosa vida e deixámonos levar polas modas, a rutina ou a fatiga. Ser felices debería ser unha prioridade para o presente, non deberiamos postergar para mañá a nosa posibilidade de perfeccionar o noso benestar psíquico e os nosos vínculos cos demais. Na miña opinión unha felicidade perdurable ten pouco que ver cos éxitos académicos ou profesionais, os caudais e as fortunas materiais, a mocidade ou a beleza física. Os seres humanos máis felices son os que teñen unha gran xenerosidade e ata bondade e que se evidencia na calidade dos seus lazos afectivos cos demais, así como no seu compromiso solidario con outras persoas. A bondade encárnase naqueles que cultivan a amizade e o apoio desinteresado aos demais. Tal como explica Eduardo Punset no prólogo do seu libro A viaxe á Felicidade: "Fai pouco máis dun século a esperanza de vida seguía sendo de trinta anos: o xusto para aprender a sobrevivir, se se contaba coa sorte, e culminar o propósito evolutivo de reproducirse. Non había futuro nin, polo tanto, a posibilidade de trazar un obxectivo tan insospeitado como o de ser felices. Esta era unha cuestión que se aparcaba para logo da morte e dependía dos deuses. A revolución científica desatou o cambio máis importante de toda a historia da evolución: a prolongación da esperanza de vida que xerou máis de corenta anos redundantes -en termos evolutivos-. Por primeira vez a humanidade ten futuro e pescuda, loxicamente, como ser feliz aquí e agora. A xente mergullouse nesas augas descoñecidas, practicamente, sen a axuda de ninguén. Agora a comunidade científica intenta iluminar o camiño". Porén vivimos mergullados na cultura do hedonismo e do benestar inmediato, onde o esforzo non vale nada e onde todo é percibido como "de usar e deitar fóra". Ao mesmo tempo os vínculos cos demais cada vez son máis febles e as relacións -sobre todo entre os máis novos- resultan extremadamente superficiais. A consecuencia é un cóctel explosivo de utilitarismo e nihilismo. Resultado: apatía, alcool, drogas, violencia e algaradas como a de Pozuelo de Alarcón que se saldou con 20 detidos (sete deles menores de idade) e onde participaron máis de 200 mozos. Inculcar a bondade nos máis novos non é tarefa doada nun mundo no que conta máis "ter" que "ser" e onde a conveniencia individual está por riba do ben común, polo que ser "bo" con demasiada frecuencia enténdese como "non facer mal a ninguén". Porén se non facemos o mal pero tampouco o ben non somos bos senón inútiles, outra forma de ser daniños. Tampouco é "dar" para quedarmos ben ante os demais ou axudar a un infeliz para "gañar o ceo", porque a bondade non é cuestión de troco senón de afecto, amor, solidariedade e ata fraternidade. Sempre se exaltaron os ideais de liberdade e igualdade como herdanza irrenunciable da Revolución Francesa e con todo cantas veces nos esquecemos da fraternidade. Boa parte dos problemas resultantes da pobreza de moitos dos nosos semellantes poderían aplacarse o día que houbese máis xente disposta a loitar contra as inxustizas sociais e a organizarse para subverter a orde existente, ou simplemente -cando menos- disposta a facer o ben, entrementres menos xente egoísta e inútil estivese exclusivamente concentrada só no seu. Así que é hora de deixar de preocuparnos por educar fillos capaces de "triunfar na vida" e ser máis "competitivos", para dedicarnos a formalos en valores para que se dediquen a facer o ben polo pracer de facelo. (E a educación para a cidadanía podería ser un instrumento moi valioso para isto) É grazas á fraternidade que todos prosperaremos e aboaremos o terreo para que algún día reine a paz e o benestar no conxunto da humanidade. A fraternidade axudará a alcanzar a felicidade colectiva ou a que todos e cada un de nós atopemos o noso propio espazo de felicidade.
Trackback(0)
|