|
O voceiro do BNG na comisión de Pesca do Parlamento galego, Bieito Lobeira, manifestou a través dun comunicado a "máis rotunda oposición" da súa formación á decisión da Xunta de permitir a instalación dunha piscifactoría en Cabo Touriñán, e acusou o Goberno galego de "funcionar como axente comercial" do grupo que promove a planta--Pescanova--, do que dixo que "historicamente obtivo unha cantidade enorme de subvencións procedentes de gobernos do PP".
"O Goberno do PP non ten dereito a permitir que unha empresa actúe de xeito terceiromundista en Galiza, dando ou seu apoio a que esta multinacional faga o que quera e onde queira, sen importarlle os enormes custos medioambientais e sociais" sinalou Lobeira, que lembrou que a planta de Touriñán está situada "integramente" en Rede Natura, da que quedaría afectada unha superficie de 357.000 metros cadrados. Para o nacionalista, "é evidente que hai impacto ambiental, paisaxístico e que mesmo é incompatible con outras actividades produtivas no mar como a pesca e o marisqueo". Ademais considera que con este anuncio e a aprobación da ampliación da piscifactoría de Mougás (Oia) "declarada ilegal" polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) "o PP está a recuperar o peor da súa liña de actuación neste ámbito, pasando por enriba de sentenzas xudiciais e da legalidade". O deputado do BNG tamén criticou o acordo adoptado polo Consello da Xunta de cambiar as concesións dos terreos das plantas de acuicultura pola expropiación dos mesmos "para logo darllos ás empresas". Lobeira sinalou que isto "supón retornar ao modelo que foi o que historicamente provocou especulación cos terreos fronte a unha planificación racional" e advertiu que con este método "a empresa faise dona para sempre dos terreos e pode marcar as regras de xogo". Lobeira anunciou que o BNG trasladará ao Parlamento diverso iniciativas para evitar que saian adiante as medidas anunciadas e estimou "moi necesaria" a presión a nivel social "para evitar unha agresión deste tipo".
Trackback(0)
|