 Guillerme Vázquez O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, fixo balance dos 100 primeiros días de goberno da Xunta e concluíu que o PP "non ten solución para os problemas deste país nin para a dobre crise política e económica que sofre". Ademais considerou que Alberto Núñez Feijóo "non dá a talla" como presidente de Galicia.
Para Vázquez, os primeiros meses dos populares na Xunta están caracterizados por unha "evidente ausencia de acción de goberno" que para o nacionalista foi "sustituída pola propaganda". Afirmou que os populares son "mestres" nesta materia e tamén en crear "realidades virtuais" como por exemplo, que existe "imposición" do galego sobre o español "cando é totalmente o contrario". Durante unha roda de prensa na sede nacional do BNG, o líder da formación frentista tamén falou dun Executivo "absolutamente irresponsable" que "cando estaba na oposición botáballe a culpa de todo ao Goberno e agora di non ser culpable de nada", polo que cualifica a Feijóo de "mestre do escaqueo político". Tamén se referiu ás présas ""dos populares por tomar posesión, alegando que "tiñan centos de medidas que poñer en marcha" e comparouno coa parálise ", dúbida e ningunha solución" que, afirmou, caracterizan á Xunta popular. Para Vázquez, o que se fixo o Goberno galego nestes meses é "amosar claramente a súa faciana ideolóxica" e asegurou que "logo de presentarse como practicamente apolítico está demostrando que é expresión da dereita española pura e dura". Nesta liña enmarcou os "ataques á identidade nacional" de Galicia, particularmente ao idioma, que, dixo, "tentan disimular logo con visitas á tumba de Castelao para ver se consegue confundir á opinión pública". "Nin sequera os defensores de Núñez Feijóo son capaces de facer unha valoración positiva destes cen días, todo o mundo pide tempo a ver se consegue despegar" declarou o nacionalista, que insistiu en que nestes meses a Xunta limitouse a "atacar e desmontar o feito", "crear problemas onde non os hai como cos delegados territoriais" e "negar actuacións previstas" como os hospitais de Vigo e Pontevedra. Estatuto En relación á reforma do Estatuto, Vázquez considerou que "entra dentro do normal" que Núñez Feijóo queira facer unha proposta ao aspecto, pero considerou que a posición dos populares sobre o novo texto "quedou perfectamente definido na lexislatura anterior" e augurou que "seguro que imos coincidir pouco". No que fai ás acusacións do PP sobre que foi a falta de acordo entre socialistas e nacionalistas o que impediu sacar adiante o novo Estatuto, o voceiro nacional do BNG aliñounas na estratexia de "sempre botar a culpa a outro" e rebaixou este tipo de declaracións a "rifirrafiños políticos". Reafirmou que a formación frentista non avalará un Estatuto "que nos baixe de rango político" e reiterou que serán outras formacións, entre elas o PSdeG as que teñan que "explicar" se o aceptan. Tamén considerou "curioso" que os socialistas "digan que hai que obviar cuestións que para os demais non hai que obviar", en referencia ás cuestións identitarias, que di, si tivéronse importancia noutras comunidades.
Trackback(0)
|