|
O Consello da Xunta autorizou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas un gasto de máis de 22 millóns de euros para a construción dunha autovía de acceso desde a plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves á autovía da Rías Baixas (A-52). A este orzamento hai que engadir case 3 millóns de euros en concepto de expropiacións e case 400.000 euros para orzamentos de control patrimonial e ambiental.
O orzamento que inviste a Xunta de Galicia para a realización destas obras elévase ata os 25,5 millóns de euros. A previsión do departamento que dirixe Agustín Hernández é adxudicar estas obras antes de que remate 2009. Esta actuación forma parte dos proxectos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para mellorar as comunicacións viarias da Comunidade galega e, en consecuencia, facilitar as relacións comerciais e laborais das empresas e entidades localizadas nesta zona, e o seu acceso ás vías de alta capacidade de conexión coa Meseta e co norte de Portugal. Os prazos A Consellería de Medio Ambiente prevé que a adxudicación destas obras, que teñen un prazo de execución de 24 meses, se formalice antes de que remate o ano 2009. Despois de informar o Consello da Xunta, o paso seguinte é dar publicidade á licitación destas obras no Diario Oficial de Galicia (DOG), no Boletín Oficial del Estado (BOE) e no Diario Oficial de la Unión Europea. O trazado Esta nova infraestrutura terá unha lonxitude é de 4,5 quilómetros e a sección do tronco terá un ancho de 29 metros. Concretamente, contará con catro carrís de 3,5 metros cada un, separados por unha mediana de 3 metros, o raio mínimo será de 800 metros e a pendente máxima estará fixada nun 4%.Os usuarios poderán circular a unha velocidade media de 80 km/h. Esta vía contará con tres enlaces, distribuídos da seguinte maneira: o enlace de Puzo, que conectará coa autovía A-52; o enlace de Vales, que conectará coa rede viaria local; e o enlace de PLISAN, que conectará coa plataforma loxística. Ademais, proxéctanse un total de dez estruturas: un paso inferior, sete superiores e dous viadutos. Os viadutos servirán como paso sobre o rego de Lobeira (instalarase un por cada sentido) e terán unha lonxitude de 70 metros con 3 vans de luz. Para proceder á materialización desta obra, moveranse 1.254.283 metros de terra, 576.803 metros cúbicos en escavacións e 677.480 nun terraplén. Estes traballos rematarán coa instalacións da sinalización e de balizamento. Beneficiarios Cómpre sinalar que a execución deste proxecto afectará 670 predios do Concello de Salvaterra de Miño, mentres que os concellos beneficiarios son Salvaterra de Miño, As Neves, O Porriño e Ponteareas. Así, o número de veciños beneficiarios ascende a máis de 50.000 persoas, aos cales haberá que engadir o número de persoas que empregarán esta vía para realizar o seu traballo nas zonas industriais a que esta vía dará servizo.
Trackback(0)
|