|
A Estación Marítima de Vigo acolle estes días a exposición “Érase unha vez...a vida!”, unha viaxe apaixoante polo interior do corpo humano. Máis de cen órganos e varios corpos humanos completos tratados coa novidosa técnica da plastinación chaman a atención do visitante. Jesús Ferreiro, presidente de Musealia, xa ten experiencia en organizar exposicións chamativas , só temos que lembrar o caso da dedicada ao Titanic.
-Como xurdiu a idea da exposición? -A idea parte de Albert Barillé, o creador da serie de TV máis vista no mundo: “Érase unha vez...”. Era un xornalista que quería ensinar aos que non saben, por exemplo aos nenos. O método era sinxelo e práctico. Eu pensei que se podía facer unha exposición con cadáveres plastinados e a el gustoulle a idea. Tivemos sorte porque fixemos ao revés do que se fai cando se prepara unha exposición. Primeiro Barillé fixo o guión do que quería e logo buscamos os corpos e os órganos necesarios para adaptalos. -Que fin ten esta exposición? -Só ten o fin de que a xente se conciencie para que coide o seu corpo, para que viva mellor e, sobre todo, para que viva máis tempo. O noso corpo son moreas de millóns de células, fantasticamente unidas, que funcionan como unha incrible máquina onde manda o cerebro. Como calquera máquina se non a coidas, se non a revisas, se non lle botas combustible párase. O que facemos aqui é abrilo. É un luxo que poidamos abrir o corpo e ver como somos por dentro. Ver como somos se nos alimentamos mal, se non facemos exercicio, como está o cerebro se nos drogamos... Podémolo ver grazas á plastinación. -Que di a xente que a visita? -Comentan que sabemos facer exposicións.Eu digo que non, que o que facemos é contar historias. Aquí contamos a historia dunha vida, a historia da vida do que está vendo a exposición. Dende o período embrionario ata a vellez. -Como se conseguiron os corpos? -Ata hoxe só se poden conseguir en China porque é o único país que ten unha lexislación que permite facer doazón de corpos enteiros para fins científicos e didacticos. Estase a traballar para que nun futuro tamén Europa teña esa lei. Por iso todos os corpos desta exposición son chinos. Primeiro hai que notificar que se quere facer unha exposición e contar co apoio da universidade. Neste caso colaboran cinco universidades. Logo mercas os cadáveres. A obriga é que unha vez rematada a exposición os corpos e os órganos rematen en universidades que teñan estudos de anatomía. -En que consiste a técnica da plastinación? -É unha técnica revolucionaria e moi novidosa. Aos corpos extráenlles o sangue, a auga e as materias graxas. Logo inxéctaselles unha substancia que ten un 80% de silicona líquida e un 20% de produtos químicos. Deste xeito os corpos mantéñense firmes. Mesmo no tacto ten unha forma moi suave. É un método moi complicado para o que hai que ter moita paciencia. Un auténtico “traballo de chinos”.
Trackback(0)
|