Advertisement
Puntogal
Miles de gandeiros chegan nos seus tractores a Santiago e Lugo para esixir prezos que cubran custos PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 4
MaloBon 
Escrito por Redacción   
martes, 14 de julio de 2009

Concentración dos tractores en Compostela
Concentración dos tractores en Compostela
Varios miles de gandeiros ao volante dos seus tractores--2.000 segundo as organizacións agrarias convocantes-- chegaron a Santiago e Lugo para reclamar prezos do leite en orixe que cubran os custos de produción. En Santiago, os tractores concentráronse no recinto feiral de Amio. Alí, os responsables das organizacións convocantes--Xóvenes Agricultores (XX.AA.), Unións Agrarias (UU.AA.), Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca)-- insistiron na extremada "situación que viven os produtores de leite galego ao non percibir un prezo que cobre os custos de produción da materia en orixe. Esta é a reivindicación central da mobilización, que continuará ata o venres, día 17, no que xa se coñece como 'Semana en branco'.

Segundo informaron os líderes sindicais, os vehículos chegaron a Compostela procedente de 17 puntos dos principais bisbarras produtoras da Coruña e Pontevedra. Prevén que sigan achegándose ata o recinto feiral, onde permanecerán concentrados durante toda a semana. Ademais, segundo o secretario xeral de UU.AA., Roberto García, moitas persoas se achegarán nos seus propios coches ao ter que atender persoalmente as explotacións.

"Non queda ningún tipo de alternativa"

Segundo a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, as mobilizacións desta semana son "á desesperada". García coincidiu con este argumento ao subliñar que "non é unha mobilización máis". Os gandeiros piden que se recuperen os prezos, "que sexa estable e cubra custos" para poder "chegar a fin de ano coa supervivencia garantida das explotacións", indicou o secretario xeral de XX.AA., Francisco Bello.

O xerente de Agaca, Higinio Mougán, asegurou que a situación é de "extremada dureza" polo que "non quedan absolutamente ningún tipo de alternativas neste intre" agás estas manifestacións. Así reclamou que administracións, distribución e industria "tomen cartas non asunto" para desenvolver "solucións positivas" e "negociadas" e apostou pola articulación de axudas directas aos produtores, como se activaron en comunidades como Asturias ou Navarra.

As perspectivas de futuro non son esperanzadoras ao estar "sen previsións ningunha de mellora no mercado". "Se soubéramos exactamente cando vai rematar [a situación actual] probablemente os gandeiros estarían dispostos a soportala", afirmou. Segundo os seus datos, os gandeiros da comunidade perden cada día 800.000 euros.

Segundo Bello, a supervivencia do sector está ameazada por dúas "frontes": as políticas da distribución que "afunden o sector con prácticas ilegais e prohibidas" e a actuación da Administración central "que segue sen dar un só paso adiante".

Mesa de negociación "Indefinida"

"Non hai razóns de mercado, nin legais, nin políticas" que xustifiquen as circunstancias do sector, segundo García. O responsable de UU.AA. subliñou que, a diferenza doutros sectores, "non estamos negociando unha mellora da capacidade de ingresos, nin coñecer o prezo do leite ao que imos cobrar o mes pasado". Reclamou unha mesa de negociación "indefinida", con Administración, distribución e industria, ata acadar un acordo sobre prezos que permita seguir producindo aos gandeiros galegos, "a parte de que haxa intereses para que o leite se produza noutros lados". Denunciou que "por vivir en Galicia" os gandeiros cobren "cinco céntimos menos que por vivir en Asturias".

"Queremos falar da posibilidade de devolverlle ós bancos o que nos prestaron e de suplir a ausencia dun sector industrial que non é capaz de facer nada nos últimos 20 anos máis que vivir dunha comisión por envasar o noso leite e estar nas mans da distribución", expresou García. "Para gañar cartos podemos esperar, para cubrir custos de produción onte é tarde", sentenciou.

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >