Redacción Plano do novo polígono A titular do Departamento autonómico, a conselleira Teresa Táboas, sinalou que nas vindeiras semanas se van licitar esas naves modulares destinadas a pequenas e medianas empresas. “Estas naves van ter alugueres a moi baixo prezo e con opción de compra a dez anos”, sinalou a conslleira, e destacou que esta medida é “un pulo en tempos de crise que beneficiará a pequenos e medianos empresarios do noso país”.
Táboas confirmou esta oferta ás empresas durante a visita realizada o pasado día 29 de xaneiro ás obras de urbanización deste parque empresarial que ten unha superficie total de 776.000 metros cadrados, no que a Consellería de Vivenda e Solo investiu un total de 42,3 millóns de euros. Táboas salientou que as obras de urbanización estarán concluídas neste primeiro trimestre de 2009 e o parque listo para albergar as empresas. A conselleira nacionalista salientou que esta oferta “está pensada para facilitar o acceso ao solo empresarial ás pequenas e medianas empresas e aos emprendedores que, por esta vía, non precisan executar investimentos cuantiosos para poder contar coa infraestrutura que necesitan para desenvolver a súa actividade económica”, un aspecto que Táboas considerou especialmente relevante no actual contexto de crise global e de escaseza crediticia. Nas próximas semanas, a Consellería de Vivenda e Solo abrirá o prazo para que todas as Pemes interesadas podan presentar as súas solicitudes a esta modalidade de naves modulares en aluguer con opción de compra. Táboas explicou que “é para min unha alegría ver como están a piques de rematar unha das grandes infraestructuras do noso país”, e sinalou que as primeiras empresas do polígono comenzarán a instalarse este mesmo ano. Tamén asegurou que a posta en marcha deste espazo “dá resposta” ás necesidades do municipio e mailo seu entorno. Obras de urbanización O Departamento autonómico está executando as obras de urbanización do Parque Empresarial Mos I cun investimento de 17,8 millóns de euros e coa previsión de que estean rematadas no prazo de 2 meses. Este parque empresarial, que se desenvolve na zona da Veigadaña, ten unha superficie total de 800.000 metros cadrados, dos que se destinarán a uso empresarial un total de 388.965 m2. Ademais, o Parque Empresarial contará cunha gran zona verde que ocupará o 38% da superficie total e contribuirá á súa integración no entorno e a minimizar o impacto visual. Centro Integrado de Servizos Táboas tamén aproveitou a visita para anunciar que o Parque Empresarial de Mos I disporá dun Centro Integrado de Servizos, que se localizará nunha parcela de 4.350 metros cadrados. A Consellería de Vivenda e Solo acaba de licitar a redacción do proxecto arquitectónico para a construción desta edificación, cun orzamento de 61.000 €. O obxectivo é crear un espazo multiusos dotado de infraestruturas e servizos relacionados co parque empresarial, para albergar todo tipo de accións propias da actividade empresarial. De feito, explicou Táboas, o proxecto arquitectónico deberá recoller as propostas formuladas polos empresarios da Comarca nas diferentes reunións mantidas coa Consellería para abordar o deseño desta nova infraestrutura. Neste sentido, o centro disporá dunha área de negocios con sala de xuntas e formación, despachos modulables segundo as distintas necesidades que lles permita ás empresas recibir clientes e realizar xestións, espazos de apoio á actividade empresarial, auditorio para un mínimo de 150 persoas, locais comerciais que dean cabida a empresas de apoio ás actividades do parque, -entidades bancarias, asesorías de empresas, aseguradoras-, e aulas de formación, entre outros servizos. “Será un espazo importantísimo para os empresarios, con todos os servizos”, sinalou a conselleira. Mos II Teresa Táboas explicou que o seu departamento xa ten solicitudes para todo o polígono que afectan, aproximadamente, ao 110% da superficie ofertada, polo que xa se fai necesario proxectar a súá ampliación. Por esta razón, ao mesmo tempo que se está a finalizar a urbanización do Parque Empresarial Mos I, a Consellería xa ten en marcha a tramitación dun novo parque tamén na área de influencia de Vigo, o Parque Empresarial Mos-Redondela, entre ambos concellos, cunha superficie de 761.190 metros cadrados e un investimento cifrado en 48,6 millóns de euros. Neste momento, a o Departamento autonómico está coa tramitación administrativa do proxecto sectorial deste parque, para a súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta no primeiro trimestre de 2009.
Trackback(0)
|