 Feijóo e Vázquez durante un encontro recente O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, demandou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "deixe de laiarse" e mobilice á sociedade galega "en defensa dun financiamento xusto para Galiza". Neste sentido, suxire que en lugar de "propor non se sabe que frontes de comunidades autónomas", o dirixente autonómico debería chamar aos galegos para que se mobilicen "en defensa dos seus dereitos como país" para reclamar "un financiamento xusto".
Fixo estas declaracións no transcurso da XI Festa Nacional do Baixo Miño, acto que se celebra nas vésperas do Día da Patria Galega e no que o voceiro dos nacionalistas galegos estivo acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Vázquez reprochou a Feijóo a súa "inacción" durante o mes que transcorreu entre o 8 de xuño, data na que se acada un acordo xenérico entre as forzas políticas con representación no Parlamento galego, e o 8 de xullo, data na que comeza a verse con líderes destas forzas. "Que estivo a facer durante ese mes?", se preguntou o dirixente nacionalista, quen considera que "mentres outros facían propostas para avanzar, todo o máis que fixo o presidente da Xunta foi dicir virxenciña, virxenciña que me quede como estou". Tras botar man da ironía, sinalou que cando un sae ao campo de fútbol a empatar, "o máis normal do mundo é que acabe perdendo o partido". O dirixente nacionalista asegura que nesta altura Galicia segue sen saber que cantidade dos recursos adicional demanda o presidente da Xunta. "Está de acordo cos 1.300 millóns de euros dos que fala a conselleira de Facenda como necesidades de gasto que ten a Administración autonómica para prestar correctamente as súas competencias?", se preguntou Vázquez, quen reiterou a demanda do BNG, de que a comunidade obteña o 7,8% dos recursos totais do novo sistema de financiamento. "Non demandamos ningunha cantidade astronómica. O 7,8% era o que tiña Galiza hai unha década", alega Vázquez, quen sinala que "menos diso é inasumible". Reclama, ademais, "garantías de blindaxe" para evitar o que ocorreu nos últimos dez anos, onde Galicia pasou do 7,8% no 1999 ao 7,1% no último exercicio.
Trackback(0)
|