 Tractorada polas rúas de Compostela A secretaria de Organización do Sindicato Labrego Galego (SLG) e responsable do sector lácteo da Coordinadora Europea Vía Campesina, Lidia Senra, anunciou en roda de prensa que se manifestarán en Estrasburgo o vindeiro martes, día 14 de xullo, coincidindo coa constitución do novo Parlamento Europeo para reclamar medidas que atallen a situación crítica que vive o sector lácteo. A protesta engádese ás tractoradas previstas por este sindicato e Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias para a próxima semana en Santiago de Compostela e Lugo.
Senra indicou que Vía Campesina, e outras organizacións de produtores de leite como a European Milk Board (EMB), mobilizaranse desde as 10.00 da tarde ata as 14.00 horas. Enviarán un correo aos novos eurodeputados coas súas propostas en materia de política láctea e realizarán "entrevistas con representantes de distintos grupos". As reclamacións ante os organismos europeos son a redución da produción e supresión do aumento lineal de cota do 1%, o control público da produción, garantir unha renda "suficiente" para os produtores de leite ou a loita contra o dumping. Ao estar previstas tamén outras mobilizacións en Galicia e pola distancia existente ata a cidade francesa, unha delegación do SLG partirá cara a Estrasburgo nun autobús. O vehículo comezará a súa viaxe ata a sede do Parlamento Europeo recollendo a unha delegación da Confederación Nacional de Agricultura de Portugal o vindeiro domingo. Posteriormente irá recollendo delegacións en Santiago de Compostela, Ribadeo, Asturias, Cantabria e País Vasco. Reunión do grupo consultivo do leite da Comisión Europea Durante a roda de prensa, a secretaria de organización do sindicato galego tamén presentou a valoración da reunión que mantivo o 8 de xullo en Bruxelas, o Grupo Consultivo do Leite da Comisión Europea. O grupo está formado por dúas organizacións agrarias europeas, a Organización Europea das Cooperativas, representantes da industria láctea e da súa comercialización e a propia Comisión Europea. Senra, que participou na reunión como representante da Coordinadora Europea Vía Campesina, anunciou que a Comisión Europea terá listo o 22 de xullo o informe encargado polo Consello Europeo, pero que non se fará público "ata que o tiveran nas mans os ministros". A Comisión Europea tamén elaborará propostas para solucionar a crise pola que está pasando o sector lácteo europeo. Posteriormente, o Consello de Ministros verá o informe e tomará decisións o vindeiro 7 de setembro, que serán comunicadas ao Parlamento Europeo. A representante do SLG mostrou a súa "preocupación" xa que "non vemos que por parte da Comisión se mova nada" en alusión á reforma da PAC coñecida como 'Recoñecemento Médico' coa que, segundo Senra, se acordou "camiñar cara a liberalización do mercado do leite". Por iso, adviertiu que "se se quere ter unha política leiteira sostible, ten que haber un cambio profundo, moi profundo" polo que seguirán "mobilizandose e presionando". Un clima común en Europa A secretaria de Organización do SLG afirmou que o "mesmo ambiente de mobilizacións estase vivindo noutros países" como Portugal, Francia, Alemaña, Bélxica ou Holanda. Senra lembrou que antes da concentración prevista para o próximo día 14, os produtores lácteos europeos xa se mobilizaron noutras ocasións. O 18 de xuño se produciu unha mobilización europea na que participou a coordinadora á que pertence Senra e a EMB diante do Consello Europeo. Desta reunión xurdiu a proposta de encargar á Comisión Europea que realice unha análise en profundidade da situación do mercado do sector lácteo, algo que Lidia Senra considerou "non suficiente". Este informe será o que se presentará o 22 de xullo aos ministros europeos.
Trackback(0)
|