 Encontro entre Guillerme Vázquez e Feijóo O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, coincidiron en defender unha postura "ambiciosa" para Galicia na negociación do financiamento nunha reunión na que o mandatario galego expuxo ao líder nacionalista as claves da proposta remitida ao Goberno central. A ponderación do avellentamento, a dispersión, a emigración e o bilingüismo, son os obxectivos "irrenunciables" tanto para a Administración autonómica coma para o Bloque, aínda que os termos da proposta da Xunta seguen sen convencer ao partido da oposición.
Tras o encontro, que se prolongou durante algo máis dunha hora, Feijóo insistiu en que, do mesmo xeito que o BNG, está convencido de que "Galicia ten que ser ambiciosa na defensa dos seus intereses xerais", de maneira que o novo modelo debe garantir a suficiencia dinámica do sistema e que a comunidade "gañará en fondos adicionais". A falta de seis días para que conclúa o prazo que Madrid se marcou para lograr un acordo, Feijóo recalcou que non recibíu "ningunha proposta" por parte da vicepresidenta económica, Elena Salgado. Segundo parece, o Goberno central contempla enviar o seu esquema de aplicación do novo sistema entre mañá e o sábado, de maneira que as negociacións para pechar os pactos se intensificarán durante a fin de semana para que entre o mércores e o xoves se celebre o Consello de Política Fiscal e Financeira. Tras recalcar que "o único que lle podo dicir a Galicia é que vou defender os seus intereses", o presidente da Xunta avanzou que non descarta "non asinar o acordo", ao entender que a comunidade non pode apoiar o novo sistema "a calquera prezo". "Se non hai un mínimo, eu, dende logo, non vou asinar", gabiou. Preguntado polas consecuencias ás que se exporía a Xunta de non existir acordo, o mandatario lembrou que algunhas das comunidades que rexeitaron a anterior modelo foron atendida despois por gobernos posteriores. Proposta do BNG Nesta liña, rexeitou a demanda exposta polo voceiro nacional do BNG, quen reclamou un mínimo do 7,8% para "garantir a suficiencia dinámica" do sistema e o mantemento do peso relativo ao nivel de 1999, o ano base do actual sistema. Contrario a esta nova formulación "nesta altura da negociación", Feijóo incidiu en que será "ambicioso pero fiel" aos compromisos acadado sen a Cámara. "Non é intelixente expoñer cousas que non se expuxeron nunca", dixo. Pola súa banda, o nacionalista Guillerme Vázquez expuxo que, ante a folla de ruta trazada pola Xunta e á que onte deu o seu apoio o líder do PSdeG, Manuel Vázquez, "é difícil sentirse representados". Á espera de que se coñeza a proposta do Goberno central, o nacionalista adiantou que o BNG "votará en contra" do modelo no Congreso se non resulta "minimamente satisfactorio" para a comunidade, avanzando que "o criterio exclusivo do número de habitantes non serve" como base para o reparto. Así, se mostrou partidario de que se atrase a data do 15 de xullo para pechar as negociacións, "lle iso permitise lograr algo mellor". Na súa comparecencia, insistiu en que non aceptará que Galicia "quede entre as comunidades de segunda división", polo que insistiu e que a súa formación "non avalará" unha negociación na que se consigan "30 ou 40 millóns máis e que iso sexa tomado coma unha vitoria. É por iso que instou á Xunta a "saír ao ataque e con espírito de guerra", co fin de lograr unha suficiencia financeira que permita prestar servizos públicos á poboación. Como dificultade engadida, Vázquez lembrou que o feito de que Galicia non logre consensuar un novo estatuto de autonomía "supón un elemento máis que nos dificulta ter un bo modelo de financiamento".
Trackback(0)
|