|
O “comercio de proximidade” ten un relevo especial na conformación do noso sistema urbano de vilas e cidades e no noso PIB e emprego. Cumpre unha importantísima función social, como están a apreciar nos países máis adiantados da Europa, de volta xa da política de implantación comercial orientada ás grandes superficies, que levaron adiante nos anos 60 e 70 do século pasado, e están a voltar ao fomento do comercio de proximidade, que garante que os centros urbanos sexan centros de convivencia social e non se degraden no aspecto habitacional, turístico ou da seguranza cidadá.
Os sucesivos Gobernos do PP nada fixeron para protexer e fomentar o comercio de proximidade na longa era fraguiana. Só aplicar unha “choiva miúda” de subvencións sen programa ningún. Tampouco foron quén a promulgar unha Lei de Comercio Interior que substituise á promulgada no 1988, canda o tripartito. Nin exerceron as competencias que o Estatuto galego atribúe en comercio interior, deixándose ir pola normativa estatal. No pasado goberno bipartito, a Consellaría de Fernando Blanco, con Ana Rúa de directora xeral, desenvolveu unha auténtica política comercial que tentou ser acaída ás características e necesidades da Galiza. Desenvolveuse un xeito de facer política moi participativo, en continúa interrelación cos comerciantes galegos e as súas organizacións O BNG no Goberno deulle pulo á Lei de Horarios Comerciais, que promulgou unha normativa de mínimos que imposibilitara as continuas aperturas de festivos das grandes superficies en prexuizo do noso comercio de proximidade. E chegou a aprobar un anteproxecto de Lei de Comercio Interior, que lle outorgaba á Xunta a competencia para outorgar licenzas non só para as unidades superiores aos 2500 m2, senón para o propio conxunto da área comercial, regulando as modalidades de venda, os saldos, rebaixas e descontos. A crise actual manca gravemente o noso comercio de proximidade. Mentres, o ministro Sebastián tenta recuperar para o Goberno central as competencias de comercio interior, para prohibir calquera tipo de restricción autonómica á libre apertura de establecementos comerciais, agás as derivadas da lexislación urbanística ou ambiental. É dicir, o PSOE no Goberno central tenta unificar unha política comercial para todo o Estado baseada na libre apertura ensaida polo Goberno de Esperanza Aguirre e que ten contribuido á desertización comercial de grandes áreas do centro de Madrid. Logo de case tres meses de goberno Feijoo ignoramos os plans para o comercio galego de proximidade que ten o conselleiro Guerra. A súa Directora Xeral de Comercio atópase aínda inédita. Mais semella que a Xunta de Feijoo aínda non profesa na defensa do comercio de proximidade e da estrutura comercial equilibrada para o País que constituía a cerna da política comercial do bipartito. De seguirmos por esta vía, os nosos pais anciáns non terán onde mercar nin no centro nin nos barrios das nosas cidades e vilas. E, no entanto, os cascos históricos e os barrios tradicionais irán, de paseniño, esmorecendo. E, mentres, vascos, cataláns e valencianos defenderán con teimosía o seu modelo comercial. Porque non queren ser monopolizados polas grandes superficies foráneas. E, sobre todo, non queren para as súas cidades o panorama estarrecedor de importantes barrios daquel, en tempos, populoso centro de Madrid.
Trackback(0)
|