 Actual ubicación da Casa do Concello Un breve acto de apenas un cuarto de hora serviu para asinar no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra as actas de posta a disposición e cesión ao Concello de Pontevedra dos edificios da antiga Delegación de Economía e Facenda, na rúa Michelena, e da Consellería de Educación, na avenida de Montero Ríos, que permitirán comezar co traslado das oficinas municipais que o goberno local pretende ter finalizado en dous meses.
A concelleira de Patrimonio, Margarita Castejón, indicou ao termo da sinatura destas actas que espera que estas oficinas municipais xa estean funcionando na rúa Michelena dentro duns dous meses, para o que comezarán decontado as obras de acondicionamento do cableado e instalacións informáticas, que deberán dar soporte aos servizos municipais repartidos en diferentes sedes por toda a cidade ata o seu traslado definitivo ao antigo cuartel de San Fernando, actual sede da facultade de Belas Artes. Coas actas e entrega das chaves se dá cumprimento ao protocolo asinado no 2001, que permitiu a construción do edificio administrativo da Xunta en Campolongo. Posteriormente, o Concello e a Deputación acordaron a cesión da Delegación de Educación á institución provincial, cuestión que quedou tamén recolleita no último protocolo, asinado o 16 de xaneiro de 2009 entre o ex conselleiro Xosé Ramón Fernández Antonio e a alcaldesa en funcións, Teresa Casal. Pola súa banda, o asesor xurídico da Deputación, Bernardo Sartier, explicou que a institución provincial ten tamén necesidade de maiores espazos e realizará con urxencia os trámites para acondicionar o antigo inmoble de Educación, situado na avenida de Montero Ríos, xusto ao lado do actual do Pazo Provincial, e destacou que o acto "é un exemplo perfecto de colaboración institucional". Edificio O edificio da rúa Michelena número 30, que o Concello terá á súa disposición mentres cumpra, consta, segundo recolle a inscrición rexistral, de soto, cunha superficie de 409,69 metros cadrados; planta baixa, 363,19 metros; local primeira dereita, de 194,13 metros; local primeira esquerda, de 219,13 metros; local único da segunda planta, 413,49 metros; local terceira dereita, de 191,82; local terceira esquerda, de 221,67 metros e ático, de 201,19 metros e unha terraza de 146,51 metros.. O acordo acadado en virtude dos protocolos asinados establece que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) continuará na planta baixa deste edificio, compartindo espazo coas oficinas municipais. O inmoble na avenida de Montero Ríos, que o Concello obtén en propiedade e que, pola súa parte, vai a ser cedido á Deputación Provincial, consta de soto, baixo e dúas plantas, cunha superficie cada un deles de 816 metros cadrados, aos que hai que sumar unha superficie descuberta de 659 metros cadrados.
Trackback(0)
|