|
O BNG cre que os votos perdidos pola formación nacionalista respecto á anterior cita europea -- obtivo case 40.000 papeletas menos que no 2004-- non foron a outros partidos se non á abstención. Así o explicou o voceiro nacional, Guillerme Vázquez, trala reunión mantida pola Executiva Nacional da formación frontista. Vázquez tamén apuntou que o BNG "probablemente" non foi capaz de mobilizar ao seu electorado como si o fixo o PP.
"En Galiza o PP si conseguiu mobilizar en maior medida aos seus electores e probablemente no noso caso non. Estamos convencidos tamén de que a perda electoral foi á abstención e a non a ningún outro grupo político" declarou Vázquez, que sinalou que é precisamente o sector ao que se dirixe o BNG, "os que se sinten máis distantes ao actual modelo da UE" os que teñen maior tendencia a abstenerse. A Executiva valorou esta tarde os votos obtidos --102.326 papeletas, un 9'40% dos emitidos en Galicia-- como un resultado "modesto, pero non desprezable". Vázquez sinalou que na formación se senten "moderadamente satisfeitos" e salientou que se "cumpriu o obxectivo" de recuperar representación no parlamento Europeo, de onde os nacionalistas galegos estiveron ausentes os últimos cinco anos. Así, Ana Miranda será eurodiputada durante aproximadamente un ano e medio, segundo os primeiros cálculos dos nacionalistas, en virtude dos acordos acadados no seo da coalición Europa dos Pobos-Verdes coa que concorreu o BNG. O voceira nacional defendeu que a "fórmula de coalición elixida" se "revelou útil" fronte a outras propostas nas que se ofrecía ao BNG ocupar o 4º posto da lista, e non o segundo como nesta ocasión. A formación frontista non quere extrapolar os datos da cita electoral europea a próximos comicios. "Estas eleccións son moi diferentes a outras, e non van ser para nós o referente co cal traballar para futuras eleccións" explicou Vázquez, que reiterou que a formación que lidera mantén "intacta" unha dobre "convición": "ser oposición do PP e recuperar apoio electoral". Tal e como xa se sinala na súa valoración inical tras coñecérense os primeiros resultados, o líder do BNG aludiu a que o "campo de xogo electoral non foi igual para todos" e que o BNG tivo menos posibilidades de facer chegar a súa mensaxe á sociedade que os dous grandes partidos estatais, PP e PSOE. Quixo enmarcar tamén o descenso de votos sufrido polo nacionalismo galego no "marco" dun "desembarco da marea da dereita no Estado" e un "gran triunfo da dereita en Europa", aínda que aclarou que ningunha destas circunstancias pretende ser unha "escusa" diante da baixada de apoios. Reproches a Pachi Vázquez O voceiro nacional do BNG tamén respondeu ás declaracións feitas polo secretario xeral do PsdeG, Manuel Vázquez, que relacionou a baixada nacionalista coa "escenificación da solución orgánica" que o BNG deu á derrota electoral do 1-M con "máis ruído externo" que no caso dos socialistas. "Leccións aos demáis, as xustas" recomendou Guillerme Vázquez ao líder do PsdeG, antes de criticar que "nos fale de democracia interna" unha formación cuxo proceso de renovación "foi tutelado desde Madrid por José Blanco". O número un do BNG dixo que "é mellor sempre mirarse un pouco máis a si mesmo" e engadiu que "o partido socialista pode tirar foguetes como queira pero baixou tamén de representación e fíxoo contando co paraugas do señor Zapatero, que a ver se tamén agoia nos imos equivocar que paraugas ten cada un".
Trackback(0)
|