|
Os populares aspiran a "recuperar a maioría absoluta en todas as cidades" e, en base aos resultados que guindou o 7-J, aseguran que manteñen "intacta" a posibilidade de lograr este obxectivo. Explicouno así o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, trala primeira reunión do comité de dirección despois do último congreso autonómico, que neste caso avaliou os resultados dos comicios europeos.
Con eles na man, e facendo unha extrapolación "atípica e inevitable", o PP está "ás portas da maioría absoluta en todas as cidades". Tres obteríaas (Ourense, Lugo e Santiago), segundo o presidente do PPdeG, quen ademais apuntou que ás catro urbes restantes poderían chegar os populares con "uns centenares ou ducias de votos". Serían, segundo calculou, 1.190 na Coruña, 14 en Ferrol, 78 en Pontevedra e algo máis de 4.100 en Vigo. Desde unha perspectiva autonómica, o PP aumentaría "catro escanos ata os 42 deputados, un máis por provincia", ao igual que nunhas xerais, nas que presumiblemente o PP achegaría ao cómputo estatal catro deputados máis que os actuais. En todo caso, e na marxe das extrapolacións, Feijóo incidiu na idea de que o "PPdeG volveu gañar claramente as eleccións europeas" e non só iso. Fíxoo, explicou Feijóo, obtendo nas urnas "o mellor resultado" nuns comicios destas características, "só por debaixo de 1994". Do conxunto de eleccións, e nos diferentes ámbitos, foi "o mellor resultado en termos absolutos dende o ano 2000", o que permite aos populares afirmar que obtiveron os mellores "dos últimos oito anos en todas as eleccións celebradas en Galicia". De acordo con isto, e segundo a versión de Núñez Feijóo, os populares cumpriron coa última cita electoral "dous obxectivos", que son lograr "a segunda maioría absoluta dende as autonómicas" e, ademais, facelo "ampliando e consolidando" o resultado, que sitúa ao PP "sete puntos" por riba de "PSOE e nacionalistas xuntos". A ampliación, aseverou, produciuse ademais "en todas as provincias". Isto xera, segundo Feijóo, "satisfacción polo resultado" pero tamén "alta responsabilidade por obter a confianza maioritaria da sociedade galega". O que toca agora, segundo a dirixente autonómico, é "cumplir compromisos, gobernar, seguir cumprindo, traballar e pasar do dito ao feito". Ademais, interpreta os resultados como "un aval ás políticas da verdade, austeridade e liberdade" e contra as que promulga "a oposición bipartita". En resumo, e ao entender do líder popular, se "reproban as políticas do non e valóranse as propostas e solucións". O compromiso de "gobernar para todos" foi, segundo Feijóo, referendado nas urnas, de aí que agora "volvemos tender a man á oposición, aos partidos que acaban de perder votos, apoios". Iso si, di que o fai con coñecemento de que o PP obtivo "a confianza da maioría" porque "os galegos valoran un partido que lles di a verdade". Sobre o discurso dos socialistas, que din que son "a única alternativa" ao PP, reprochou que "fan xustamente o contrario", xa que "sen o BNG non gobernaría en ningures". Ademais, acusou aos socialistas de "menosprezar ao socio de goberno" que lles permite gobernar "en cidades e deputacións". Por outra parte, e preguntado sobre se os resultados referendan tamén a José Luis Baltar como líder do PP ourensán, Feijóo unicamente admitiu que a de Ourense foi, de novo, a "primeira provincia" con maior porcentaxe de votos para os populares. Felicitou aos catro dirixentes provinciais e afirmou que a continuidade ou non de Baltar decidirase nos congresos provinciais, que "no PP son democráticos". Di ignorar se o barón provincial se presentará. "Non o sei", dixo. Moción de censura A análise dos resultados, desde unha perspectiva estatal, permite dicir, polo a xuízo dos populares, que as urnas presentaron unha "moción de censura" ao presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero. Foi unha "derrota electoral", que en opinión da dirixente popular ten "moito máis valor, incluso, que a moción de censura". Das avaliación efectuadas por outros líderes, considerou que houbo unha "falta de rigor político" ao apuntar á crise económica como a responsable do resultado electoral. En Alemaña, Italia e Francia os gobernos "revalidaron resultados", o que en opinión de Feijóo indica que "gañaron as eleccións os gobernos que xestionan ben a crise e perderon as eleccións os que a xestionan mal". Respecto ás comunidades estatais, Feijóo fixo outra ecuación. "Onde o PP gobernaba sacou máis vantaxe" e nos lugares gobernados por socialistas "o PSOE reduciu apoios en favor do Partido Popular", espetou.
Trackback(0)
|