 Imaxe do Correlingua Antón F. EscuredoO novo goberno galego abriu un debate que soliviantou a boa parte da cidadanía: o tema da lingua. Xusto despois de que a Real Academia Galega (RAG) publicara un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego e con numerosas denuncias de imposición do castelán (a última realizada por traballadores e traballadoras da Capitanía Marítima de Burela) Feijóo anunciou que derrogaría o Decreto que defende o galego no ensino. Hai uns días, en declaracións a varios medios de comunicación, o actual Conselleiro de Educación Jesús Vázquez reiterou esa intención e afirmou anularían as medidas aprobadas durante o goberno do Bipartito en defensa do galego.
Resposta social A poucos días da celebración da data do 17 de maio a resposta social non se fixo agardar. A Mesa pola Normalización Lingüística (MpNL) convocou unha manifestación en Compostela co lema “O galego, a nosa columna vertebral. A lingua que nos une!”. Ás poucas horas chegaron á súa web (www.amesanl.org) numerosas adhesións. Ademais o manifesto redactado por trinta intelectuais en xullo de 2008 reactivouse e ao peche desta edición contaba con máis de 20.000 sinaturas individuais e 530 colectivas. AS-PG, AELG e CIG-Ensino A AS-PG, a AELG e a CIG-Ensino, entre outros moitos colectivos, deron o seu apoio á convocatoria do 17 de maio. Coinciden na necesidade de pór de manifesto “a vontade de todas e todos os que amamos o noso idioma de participar na manifestación convocada pola MpNL”. Reclaman o dereito a convivir en galego e “que o noso idioma, ese que é a meirande construción do noso pobo, lingua en que as escritoras e os escritores galegos edificaron a casa común da nosa cultura propia, teña os mesmos dereitos xurídicos có español”. Redes Sociais Máis de 4.000 persoas confirmaron a súa asistencia á mobilización do 17 de maio en Tuenti, mentres que 1.400 o fixeron en Facebook. Nesta última rede proliferan os grupos en contra da derogación do decreto de galeguización do ensino ou a favor da continuidade das galescolas. Ademais hai varios eventos creados nos que se promove a asistencia á marcha. Un deles é para aqueles galegos e galegas residentes no exterior que non poderán acudir a Compostela. Apoian a manifestación desde lugares tan dispares como Praga, Istambul, Eslovenia, Brasil ou Escocia. Por outro lado o colectivo ”Blogues pola lingua” (con 214 bitácoras adheridas) desenvolverá unha acción virtual colocando o 16 de maio mesma entrada cun poema Victoriano Taibo. Barcelona Un colectivo de galegas e galegos residentes en Barcelona convocaron tamén para o día 17 de maio ás 12 horas diante do Centro Galego unha manifestación en defensa da lingua. Segundo denuncian nun manifesto “o pobo galego ten o dereito a que a súa lingua sexa oficial a todos os efectos”. Sinalan que “os galegos e galegas non gozamos de dereitos lingüísticos plenos para nos desenvolver con normalidade e dignidade na nosa lingua dentro da nosa terra”. Rematan apuntando que “son as institucións representativas do pobo galego as que teñen que outorgar ao idioma do prestixio que merece como lingua propia do país”. Apoian a convocatoria entidades como o Centro Galego de Barcelona, o Foro Cívico, a sección de Filoloxía Galega da UB, o Lectorado de galego da UAB, Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña (ERGAC) e o Proxecto Galauda. ‘Galego sempre máis’ Nesta manifestación estrearanse novos colectivos. É o caso da Plataforma ‘Galego, sempre máis’ creada en Vigo o pasado 18 de abril. Formado por máis de dezaseis entidades sociais do país, representan ao movemento reintegracionista. Fixeron público un manifesto no que denuncian “a falácia de que exista umha imposiçom do galego”. Apostan pola “aboliçom do sistema legal que subordina o galego ao castelhano” e consideran “hipócrita a negaçom do conflito lingüístico”. Para esta Plataforma “a normalizaçom lingüística é um direito colectivo inalienável” e sinalan que “o sistema cultural galego, com todos os seus produtos, é um sistema cultural dependente do sistema cultural espanhol”.
Trackback(0)
|