|
O voceiro de Educuación do PSdeG, Guillermo Meijón, sinalou que a Xunta certificou na presentación do anteproxecto do decreto do galego no ensino "a ruptura do consenso social respecto da lingua". Dixo que tanto Feijóo como Vázquez son "os culpables dunha imposición dun novo marco normativo e de desprezar a busca do acordo co resto das forzas políticas, coas institucións máis relevantes e co conxunto da cidadanía", acusou Guillermo Meijón.
O voceiro socialista de Educación tamén denunciou a actitude "vergoñenta" de Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo, por presentar de novo o anteproxecto nun día non lectivo e "sen que a cidadanía poida coñecer o texto real". En opinión de Meijón, esta actitude demostra a "nula calidade democrática levada a cabo en todo este proceso" e engade que "o texto constitúe a mellor mostra da soberbia e o desdén cos que a xunta tratou ou clamor da sociedade galega en contra do contido das Bases", matizou o voceiro do PSdeG. Meijón acusou tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao consellerio de Educación, Jesús Vázquez, de "romper coa estabilidade, cohesión e coherencia" que ata o momento existía nos centros educativos e na sociedade galega con respecto ao idioma. O voceiro socialista criticou tamén que o fomento do uso do inglés "se descobre coma unha gran mentira de Feijóo" que conforma un modelo baseado no voluntarismo dos profesores, nos recursos cos que conten e coa decisión dos pais, "abrindo a porta a grandes desigualdades entre os centros", puntualizou Guillermo Meijón. Finalmente, o parlamentario socialista sinalou que o anteproxecto constitúe a proba "definitiva da ruptura do PP co Plan Xeral de Normalización da Lingua" aprobado por unanimidade en 2004.
Trackback(0)
|