Advertisement
Puntogal
Dun tempo improbable a un tempo imposible PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 3
MaloBon 
Escrito por Ramón Muñiz   
viernes, 12 de marzo de 2010

Fai bastentes anos,  tiven ocasión de asistir a un congreso de socioloxía en San Sebastián. A súa diversidade temática obrigaba a simultanear as sesións por aulas. Unha delas estaba dedicada a ETA, o que amosaba o interese sociolóxico que tiña esta organización en Euskadi. Presentáronse cantidade de relatorios. Non me apuntei a esta aula, porén tiven ocasión de mercar un libro moi suxestivo, editado en 1989 “A evolución estratéxica de ETA” do profesor de Historia das ideas políticas e movementos sociais da Universidade vasca, Pedro Ibarra Güell,  que  reflexionaba no seu final sobre as posibilidades de saída ao conflito vasco.

Pronunciábase pola articulación dunha fronte civil representada pola maioría das forzas políticas e sociais que movilizasen á poboación vasca na defensa do dereito de autodeterminación, entre as cales Herri Batasuna tería un papel destacado e impulsor. ETA, pola súa banda, debería entrar nunha fase de inactividade así, ao estado,  resultaríalle máis difícil negar unha negociación política diante a separación absoluta da parte política e social, da organización armada en situación de stand-bay. Rexeitar esta demanda negociadora, di Ibarra “podería provocar  ao Estado graves problemas de lexitimación” e incluso xurdir  “un proceso de desobediencia civil xeralizado”. ETA, entón,  ausente da negociación do cambio político podería satisfacer ao estado  pero, aínda que inactiva e sen poder condicionante ningún, estaría aí, simbolicamente, o que podería satisfacerlle a ela.  Isto implicaba a apertura de Herri Batasuna sen reservas para pactar con outras forzas políticas vascas, deixando cada quen os seus prexuízos mutuos e alianzas extrañas para compartir “o novo horizonte utópico”, cuestión que recoñecía pouco probable pero tampouco imposible.   

Cando Ibarra escribía isto, o nacionalismo gobernaba Euskadi, ETA sentíase forte, Irlanda do norte seguía en guerra, Herri Batasuna era legal subindo cada vez máis en votos e un 70% aproximadamente da poboación vasca era partidaria de exercer o dereito de autodeterminación e aceptar os seus resultado na práctica.

Na actualidade, lemos, que despois da declaración de Altsasu,  a esquerda abertzale rematou un intenso período de reflexión e debate sobre o seu futuro, diante unha actuación opresiva por parte do estado español que, ao ilegalizala, a inutiliza para exercer a súa práctica política pública necesaria, tanto para a súa supervivencia,   como para avanzar nos seus obxectivos.

A novedade está en que comeza a albiscarse un interese neste mundo, até agora tan pechado e sectario, por iniciar unha alternativa  aberta soberanista por vías pacíficas e democráticas, con ausencia de violencia,  conscentes do seu rexeitamento inmensamente maioritario por parte da poboación vasca, para conseguir a integración doutras moitas organizacións políticas, sindicais e sociais.   

A novedade tamén está no cuestionamento da tutelaxe  de ETA que parece calar  en amplos e cualificados sectores abertzales como nunca o fixera “ninguén poderá utilizar a forza o ameazar co seu uso para influenciar o curso ou o resultado das negociacións multipartitas”. A súa intervención considérase  unha rémora para conseguir a forza de masas precisa e  legal para ocupar un amplo espazo político e social en Euskadi, capaz de culminar no desenvolvemento dun proceso democrático “onde  o pobo vasco sen intimidación ningunha decida libremente o seu futuro.”

O debate actual da esquerda abertzale e as súas intencións políticas,  parecen seguir bastante a liña das conclusións que fixera antaño o profesor Ibarra. Claro que, agora, danse nun contexto e nun tempo moi diferente. Batasuna ilegalizada e illada internacionalmente; ETA debilitada militar e popularmente e sen a referencia do IRA; negociacións co estado pechadas indefinidamente; cidadáns cansos e máis satisfeitos co estatuto de Guernica; partidos políticos vascos independentistas  desconfiados das intencións reais de Batasuna sobre o repudio de ETA; partidos políticos españois cohesionados gobernando Euskadi e polo tanto máis esixentes en canto as pretensións nacionalistas; por último ETA, a pesar do apoio ao debate, parece que non para de moverse para en calquera momento irrumpir violentamente invalidando o que queda do proceso.

A intención de Altsasú recollida agora no documento “Zutik Euskal Herria”  quizais poidera ter posibilidades naquel tempo de conseguir os propósitos de negociación política cos que especulaba Ibarra. Pero o que foi improbable onte, parece imposible hoxe, aínda que a historia amosa que en política non hai nada que o sexa.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >