 Manuel Vázquez e Pérez Touriño Respecto e agradecemento foron as palabras máis repetidas polos voceiros dos grupos parlamentarios, unha vez coñecida a noticia de que Emilio Pérez Touriño decidira abandonar o seu escano. O compañeiro e presidente do grupo socialista, Manuel Vázquez, asegurou en declaracións aos medios que o ex presidente "representa unha maneira de entender o país". Así, trasladoulle o "respecto, cariño e agradecemento polo traballo que leva feito por Galicia e polos socialistas".
Así, sinalou que a decisión, "un tema anunciado", supón "un punto e a parte dun modelo de facer política que vai deixar o listón altísimo". Vázquez recoñeceu o labor realizado por Touriño, que "colleu o partido nun momento dificilísimo e deixouno non momento máximo", pese aos resultados das últimas eleccións. "Emilio Pérez Touriño é un referente e o socialismo galego terá sempre a visión que de Galicia tivo Touriño", a que definiu como un presidente "coherente con todo o que fixo". Preguntado Manuel Vázquez sobre se o PSdeG outorgaralle un posto honorífico, este sinalou que "onde haxa un posto de privilexio no socialismo galego será para Emilio Pérez Touriño, que é un referente". "Nós estamos aquí por el,"manifestou, e apelou a acordarse "do que supuxeron dez anos" como líder socialista na comunidade, fronte ao revés electoral" do pasado 1 de marzo. Vázquez asegurou tamén que Touriño "ten a Galicia na cabeza" e que pasará "á historia por moitas cousas", entre elas, por "defender a morte a política social e polo seu modelo de entender Galicia e defender o territorio". Pola súa banda, o voceiro do grupo popular, Manuel Ruiz Rivas, trasladou tamén o seu "respecto a unha decisión persoal", o seu "agradecemento porque foi presidente de Galicia e hai que agradecerlle o seu traballo a prol" da cidadanía. A partir de aí, considerou, que o Consello Consultivo pode ser "un lugar axeitado" para Touriño, porque "hai xente", como el, que "ten moito que achegar ao mundo das ideas" e tamén, a súa "experiencia como presidente". Desde o BNG, o voceiro do grupo, Carlos Aymerich, desexou ao ex presidente "o mellor na súa vida profesional, política e persoal" e destacou a "dignidade do señor Touriño por deixar o escano e pasar ao segundo plano" da política abrindo "unha nova etapa na súa vida".
Trackback(0)
|