|
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu que non vai a "traizoar" o compromiso "que asumimos nesta Cámara" arredor da lei de caixas e proclamou que non pactará "nada que non supoña a fusión das caixas galegas". "Ten vostede a miña palabra", compromoteu ante o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, na sesión de control plenaria.
En resposta ás dúbidas do nacionalista por un posible pacto PP-PSOE para "repartirse" as caixas galegas en operacións con entidades foráneas, Feijóo instouno a que "non nos equivoquemos de aliados nen de inimigos" e proclamou que "se Zapatero ten a mesma vontade que Rajoy, haberá fusión das caixas galegas". Feijóo insistiu en que "non hai ningún pacto máis que o que ten Galicia para conseguir a unión das caixas" e criticou de novo a postura dos socialistas galegos. "Aquí só falta un", sentenciou ao respecto, acusando o PSOE de "estar bloqueando a fusión" e mostrando o seu desexo de que esta posición sexa temporal. "Cónstame que hai dirixentes do PSOE que non están a gusto con esta posicion e espero que finalmente poidan convencer aos demais", afirmou o presidente galego. A fusión das caixas, continuou Feijóo, "non é unha transferencia máis" senón que significa "estar ou non estar, ser ou non ser, estar dentro das comunidades autónomas con caixas ou sen caixas". "Nestes momentos, máis que nunca, necesitamos unidade", avogou en referencia ao PSdeG. Desde as filas socialistas, posteriormente, Manuel Vázquez instouno a contar "a verdade" sobre a situación financeira galega. Carlos Aymerich, pola súa banda, instou ao presidente a explicar a estratexia do Goberno galego na negociación sobre as caixas e "a pasar das declaracións aos feitos" a través da presentación do recurso contra o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) e da aplicación dos puntos da lei de caixas que continúan en vigor ao non estar afectados polo recurso estatal. "Mentras nós temos a nosa lei metida nas pedras, encallada nunha negociación de resultado incerto, outros se que se moven, como Caja Madrid ou Cajastur", argumentou o voceiro parlamentario do BNG, quen trasladou os seus temores pola actuación de Feijóo, de quen sinalou que "non mostra un especial apego pola lingua do noso país nen por aumentar as competencias de Galicia". Ante isto, o presidente da Xunta recalcou que o seu Executivo desenvolverá unha "negociación sen límites, o que quere dicir que imos seguir negociando ata o fnal e non imos renunciar ás competencias exclusivas de Galicia e a manter o espírito da lei". De feito, Feijóo iniciara a súa primeira intervención resumindo a estratexia do Goberno galego como de "negociación sen límites e firmeza sen límites para conseguir a unión financeira de Galicia". Así mesmo, defendeu que a Xunta faría un "fraco favor a Galicia se, en vez de seguir negociando ata o final, rachásemos a negociación antes de que finalice" e asegurou que aínda mantén "a esperanza" de que se "abandonen plantexamentos de discriminación e espúreos" por parte do Goberno central.
Trackback(0)
|