Advertisement
Puntogal
Carlos Aymerich, portavoz do BNG: ‘A fusión é o único instrumento para ter unha Caixa galega’ PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 3
MaloBon 
Escrito por Redacción   
viernes, 05 de marzo de 2010

Carlos Aymerich
Carlos Aymerich
O BNG explica estes dias por todo o país as razóns polas que cre que é necesario defender a Lei de caixas e, tamén, a importancia dunha fusión entre Caixanova e Caixa Galicia. Coa postura contraria do goberno español e dun sector importante dos socialistas galegos os nacionalistas esixen a Feijoo unha postura nidia para manter o poder económico en Galiza. Para o portavoz do Grupo Parlamentario do BNG é a única vía que existe se se quere evitar a fuxida doutro sector estratéxico como xa ocorreu en tempos de Felipe González.

-Por que é positiva unha fusión de Caixas?

-Nós o que defendemos non é a fusión como un fin senón a fusión como un instrumento. Neste momento é o único instrumento para ter caixas galegas e polo tanto para que non sexan absorbidas por entidades de fóra. Que o noso aforro non se leve fóra, que non sirva para financiar intereses especulativos fóra e si para financiar a actividade produtiva do noso país. A fusión e a nova Lei son a fórmula para que dediquen o seu excedente á obra social de verdade. Para nós a obra social non pode ter edificios de luxo nas cidades ou clubs náuticos suntuarios como o que se construíu en Sanxenxo. Teñen que atender as necesidades reais que Galiza ten nestes momentos de crise. Nós queremos defender unha estrutura democrática e de control público das Caixas. Non son bancos privados. Non son propiedade nin de Méndez nin de Gayoso. Son entidades sociais sometidas ao protectorado público e teñen, por tanto, que dar conta diante da cidadanía e aos seus impositores do destino que lle dan aos seus recursos.

-Sería mudar de modelo ou facer cumprir o modelo actual?

-Eu cando digo que a fusión é un instrumento é porque os obxectivos de fondo son outros. De nada vale ter unha Lei que asegure o compromiso das Caixas co país, tanto a través do seu investimento, da súa política crediticia, da súa obra social, se non tes caixas galegas simplemente por unha razón: terás unha Lei pero non a podes aplicar porque non vai haber caixas de aforros con domicilio social en Galiza que é o ámbito de aplicación desa Lei. Nós nesa Lei damos pasos adiante no que ten que ver coa democratización das caixas, coa transparencia na súa xestión, tamén coa profesionalización desa xestión. Na Lei regulamos e establecemos as competencias que ten que ter a Xunta e o Parlamento para controlar que efectivamente eses obxectivos se cumpren mesmo en proxectos estratéxicos para Galiza como no sector lácteo ou un apoio ao sector naval. En política, como na vida, non se trata de escoller entre o bo e o óptimo, senón de facer unha escolla entre as posibilidades reais. Agora mesmo só hai esas dúas: ou ben creamos unha nova caixa froito dunha fusión con novas persoas ao frente ou Caixa Galicia será absorbida por Caja Madrid, polo que pasaría á órbita do PP, e Caixanova pasaría a esa alianza encabeza da por CajaAstur e polo tanto pasar ao control do PSOE. Iso é o que teñen pactado en Madrid e que nós, como BNG, traballaremos para que non pase.

-Ese é o motivo polo que o goberno español está en contra da Lei de Caixas?

-O goberno español non vai consentir que Galiza teña un poder financeiro de seu. Igual que non quere que teñamos un sector naval forte. Zapatero asumiu o compromiso de que durante a presidencia da UE ía traballar para levantar o veto de ASTANO e agora di que nin siquera o vai plantexar. Eles saben que ter un sistema financeiro e económico propio é o primeiro paso e o requisito necesario para ter un autogoberno real. Non están dispostos a consentilo.  

-Pensa que é un tema electoral a protesta do alcalde vigués á fusión?

-Hai oportunismo electoral pero tamén hai obediencia ás ordes do PSOE de Madrid. Nunca o PSOE galego tivo tan pouca autonomía e, desde logo, nunca se comprometeu menos cos intereses do país. Comentaba Anxo Guerreiro nun artigo que ao PSOE galego tocoulle no seu momento xustificar aquí as decisións que tomaba o goberno de Felipe González daquela. Pero é que agora o papel que está xogando é aínda máis triste posto que son os instigadores de que o goberno español presente un recurso contra a Lei galega. Triste papel o dun partido que se di galego teña que actuar e teña que alentar a aqueles que van en contra dos intereses do país. Logo no PSOE de Vigo sempre houbo un certo desafecto e incomprensión do que é a cidade de Vigo. Vigo é unha cidade dinámica, viva, onde o poder dende o punto de vista social está moi repartido. Non é unha cidade como A Coruña onde se xuntan catro e deciden o que vai pasar. En Vigo afortunadamente iso non pasa. Historicamente o PSOE de Vigo sempre quixo importar o modelo coruñés. Ventura Pérez Mariño foi o primeiro caso. Todos lembramos unha famosa conferencia no que foi presentado por Francisco Vázquez dicindo "aquí tedes o meu representante". Daquela hai que lembrar quen apadriñaba a operación Vázquez 1.0 en Vigo: Caixa Galicia e La Voz de Galicia. Agora estamos coa operación 2.0 co mesmo PSOE e agora é Abel Caballero e os aliados financeiros e mediáticos cambiaron pero o que se pretende é o mesmo. Vigo, como sucedeu noutras ocasións, vai por a cada un no seu sitio e xa empezan a colleitar algúns fracasos. Despois dunha campaña masiva, por certo financiada con recursos públicos e non é a primeira vez xa que tamén o fixo co Porto de Vigo para os seus propios fins, de case tres semanas. Ademais unha campaña absolutamente demagóxica xa que Caixanova marchará de Vigo precisamente se se fai o que quere Abel Caballero. Reuniron unhas 20.000 persoas nunha cidade de 300.000 habitantes... poderá dicir o que queira pero saíulle moi caro cada manifestante. Non houbo un clamor cidadán en Vigo como el pretendía. A xente claro que quere que Caixanova quede en Vigo, e que quede en Galiza, que non lla leve o PSOE para fóra. O que defende Abel Caballero é outra cousa: a posición do PSOE en Madrid, a do gobernador do Banco de España e a posición dos actuais dirixentes de Caixanova que queren que marche con CajaAstur a montar un banco en Madrid, camiño directo da súa privatización e da súa deslocalización.

-Que papel debería xogar o goberno galego neste caso?

-Estamos nunha situación de impás provocada pola decisión do goberno español, alentado, instigado como digo pola "sucursal" galega do PSOE de presentar un recurso de insconstitucionalidade contra a Lei galega. No sistema constitucional español, que non é precisamente equilibrado, cando o Estado interpón, impugna unha lei ante o tribunal Constitucional automaticamente esa lei, a eficacia desa lei queda suspendida. Neste momento a lei galega está suspendida. Cando un goberno autonómico, neste caso a Xunta, interpón un recurso contra unha lei estatal que invade as súas competencias non se produce esa suspensión automática, ten que acordalo caso por caso o Tribunal Constitucional. Agora temos a Lei galega suspendida por un prazo mínimo de cinco meses, ou sexa ata xullo; temos unha decisión da Dirección Xeral de Competencia da Dirección Europea que di que as axudas, os créditos, do Fondo de reestruturación ordenada bancaria teñen como data límite de concesión o mes de xuño, polo tanto xa chegamos tarde para que esa fusión galega poda financiarse con recursos do FROP. Coa Lei galega en suspenso, cun goberno español que vemos que non ten unha vontade real de negociar xa que se levantou da mesa e dixo que por problemas de axenda xa chamará para convocar a seguinte reunión. Despois di que só se reunirá se adaptamos a lei ao que di a  lei andaluza... Que debemos facer? Disolver o Parlamento galego e que nos goberne o andaluz? Por outro lado a Feijoo empeza a chegarlle o momento da verdade. Se quere que acreditemos que non é unha mera pose o que está escenificando, que non xoga unicamente a dicir "eu intenteino pero como o goberno español non quere..." debería presentar un recurso.  

-Hai unha resposta social para que ese poder fianceiro non abandone Galiza?

-En Galiza calquera dereito, calquera avance é froito de anos e anos de loita, anos e anos de traballo, de presión social. No tema das caixas non vai ser diferente. Haberá esa presión social e o BNG, impulsando o manifesto "Galiza ten dereito" e outras iniciativas, imos estar aí para que esa presión social faga tamén que o PSOE e o PP, e tamén Madrid, acepten que este país quere ter tamén o poder financeiro, con caixas de aforros galegas comprometidas co país, Que é tanto como dicir comprometidas coa creación de emprego e co desenvolvemento económico de Galiza.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >