|
A antiga fábrica de Pascual no municipio lucense de Outeiro de Rei reiniciará a súa actividade a mediados do mes de marzo, segundo informou o xerente de Alimentos Lácteos, Roberto Casas, que asinou o contrato de aluguer da factoría, rubricado polo presidente da compañía burgalesa, Tomás Pascual Gómez-Cuétara, e puxo fin a máis de dous meses de negociacións.
De momento, para reiniciar a produción, a fábrica envasará uns 450.000 litros de leite ao día, procedentes das explotacións asociadas ás oito cooperativas que xa forman parte deste proxecto empresarial. Alimentos Lácteos presentará a súa propia referencia comercial a mediados de abril, pero ata entón traballará para Pascual e para varias cadeas de distribución con marcas brancas. De feito, Roberto Casas precisou que a nova sociedade asinou, en realidade, tres contratos diferentes coa empresa propietaria da fábrica. O primeiro deles fai referencia ao aluguer destas instalacións por un período de once anos, os dous primeiros cunha cota bonificada. O segundo establece as condicións da opción de compra que Alimentos Lácteos poderá exercer ata seis meses antes de que expire o prazo do arrendamento. Por último, o terceiro fixa a relación comercial con Pascual, para que a factoría de Outeiro de Rei siga envasando leite para unha das marcas do grupo. Aínda que segue vixente o acordo de “confidencialidade” entre ambas as dúas empresas, que obriga ás dúas partes a non facilitar máis detalles dos estritamente necesarios sobre a súa relación comercial, o propio Casas explicou que a fábrica de Outeiro de Rei envasará leite para “unha marca recoñecida” do grupo Pascual. Tamén precisou que “a cantidade” económica que percibirá a nova sociedade por ese produto “non é o ideal”, pero o citado acordo daralle a Alimentos Lácteos a “oportunidade de iniciar o traballo de fabricación con todas as garantías e co apoio ”da compañía burgalesa. De feito, o xerente da nova empresa recoñeceu que o apoio técnico de Pascual, que exercerá unha especie de tutela durante a fase inicial, será de gran axuda para reiniciar a produción na fábrica lucense. En todo caso, tamén anunciou que Alimentos Lácteos realizou “unha actividade comercial importante nos últimos días” e ten algún outro “contrato pechado”. “Nos próximos días pecharemos máis contratos e, nese sentido, estamos moi satisfeitos da acollida que nos está dando a gran distribución, así como os distribuidores nacionais, rexionais e locais”, precisou Casas, quen tamén afirmou que “o proxecto vai vento popa”. De todas as formas, non se esqueceu de mencionar que a empresa xa encargou o deseño dun logotipo e dunha marca propia, que será presentada, previsiblemente, a mediados de abril. De acordo co calendario de traballo previsto por Alimentos Lácteos, o departamento técnico comezará a traballar xa mesmo na fábrica de Outeiro de Rei para realizar o mantemento da maquinaria e comprobar que todo estará listo para reiniciar a produción. Nese aspecto, a nova empresa conta coa vantaxe de que os traballadores coñecen á perfección as instalacións da factoría, porque xa forman parte do seu cadro de persoal os 71 empregados – dos 144 que había cando Pascual iniciou o ERE - que aínda estaban en nómina da compañía burgalesa. Para evitar suspicacias, Casas deixou claro que todos eles teñen “plenamente garantida a súa continuidade”, coas “mesmas condicións que viñan gozando no Grupo Leite Pascual”. Tamén dixo que a empresa non ten prevista ningunha ampliación de cadro de persoal a curto prazo, porque está disposta a “estirar ao máximo ”os seus recursos para “ser eficientes” e “retribuír un mellor prezo polo leite aos gandeiros ”asociados. Con respecto á data en que se incorporará o groso do cadro de persoal aos seus postos de traballo, explicou que Alimentos Lácteos espera que a fábrica estea preparada para reiniciar a produción nun “prazo de dúas ou tres semanas”, para o que se “botará man, precisamente, da parte técnica” do persoal. Superada esa fase, realizaranse as primeiras probas de envasado e, se non se detecta ningún problema, retomarase a actividade, previsiblemente a mediados de marzo. “Se todo vai ben”, dixo Casas, “este proceso podería estar finalizado de cara ao verán, entre os meses de maio ou xuño, en función das cooperativas que vaian entrando”.
Trackback(0)
|