 Benito Montero Prego Galego, castelán, inglés, francés... todos os idiomas son ferramentas que abren portas, así o explica o fiscal da Audiencia de Pontevedra, Benito Montero. Para este letrado os idiomas son auténticas obras de arte que non deben desprestixiarse se non todo o contrario, hai que polas en valor. Benito Montero non dubida ao asegurar que o actual goberno galego está a facer un ataque directo ao idioma galego que vai en contra dos últimos anos nos que se traballou en prol da nosa lingua.
-Na súa exposición realiza un exercicio de regreso ao pasado para atopar as causas que levaron ao galego a esta situación -Si, gústame analizar as causas e o por que nace ese complexo lingüístico de autoodio no pobo galego ata o extremo de desprezar a súa propia lingua e a súa identidade. A causa pode estar no imperialismo dos Reis Católicos, logo máis tarde na igrexa que nunca fixo nada pola entidade galega, despois tamén nos mestres e xa a continuación na administración que nunca utilizou o galego para nada ata tempos máis modernos. Tamén hai un momento para facer referencia ao Pai Sarmiento. Hai que lembrar o nacemento do galego, das linguas, unha lingua é un ente insuperable e hai que facer fincapé na importancia dunha lingua para un pobo. -Logo deste brevísimo percorrido histórico chegamos ao presente, como ve o panorama actual? -O actual goberno está facendo un ataque directo á utilidade do galego. Despois do autoodio tratouse de prestixiar o galego e agora parece que queren diminuír o seu uso e iso politicamente parece incorrecto, non? que un goberno galego vaia en contra da súa identidade... Pero non me vou meter en política se non tería que ser moito máis demo. -Con que se vai meter entón? -Pois co marco xurídico e con todas as situacións que non permiten o uso do galego dunha forma totalmente natural nun entorno social. Por exemplo, o artigo 3 da Constitución Española e o Estatuto de Autonomía que di que o idioma oficial de Galicia é o galego. Mesmo a Lei de Normalización Lingüísitica o di e chega á conclusión de que é un idioma oficial que se pode usar de forma totalmente democrática sen que ninguén poida impedir o seu uso... -Pero no día a día iso xa está ben claro, non? - Para os cidadáns si pero para algúns que non queren facer caso non. Ata hai pouco algún xuíz e autoridades negaban o seu uso. -Hai moitas máis leis e normativas que amparan ao galego? -Si, por exemplo o artigo 542 do Código Penal sanciona a conduta das autoridades ou funcionarios que impidan a utilización dun dereito recoñecido nas leis. O feito de impedir ou obstaculizar o uso do galego pode ser considerado un delito sancionable con pena de inhabilitación para o funcionario. -Seguimos, non? -Farei referencia ao artigo 314 do Código Penal que recolle como motivo de discriminación que se impida o uso dunha lingua cooficial con pena de prisión. -E iso como se detecta no día a día... -Pois algo como que te discriminen no traballo por falar en galego ou ter acento galego, que non te admitan nunha entrevista de traballo por falar en galego... é considerado un delito con pena de prisión. -Podemos ser obxectivos? -Cada vez se emprega máis e mellor o galego e isto é importante. -Que nos di do polémico decreto... -O decreto incluso sería anticonstitucional e, por suposto, é rexeitado por todos. -Entón, falemos galego e castelán, se queremos tamén inglés, francés... -Paréceme que os galegos debemos saber primeiro o galego pero non estamos en contra de ningún idioma porque os idiomas abren portas. Hai que defender o castelán e coñecelo pero se se saben máis idiomas moito mellor. Dende a escola débese fomentar a aprendizaxe de idiomas pero nestes intres trátase de denfende-la nosa lingua. Por suposto o castelán tense que saber perfectamente, que se ademais sabemos inglés, marabilloso. Castelao dicía que era un paso cara atrás. Os idiomas son obras de arte creados por milleiros de relacións humanas. -Vostede cre que na rúa hai algún tipo de dúbida sobre o emprego do galego? -Non, os cidadáns viven o día a día preocupándose máis por outras cousas porque o emprego do galego é algo tan obvio que non hai discusión posible. É algo natural co que naceron os galegos por iso non hai problema co uso do galego.
Trackback(0)
|