Advertisement
Puntogal
Eureka, eureka PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Guillermo Rodríguez Fernández   
martes, 09 de febrero de 2010

Hoxe podemos dicir aquí, diante desta audiencia especial e xenerosa, a xa famosa frase de Arquímedes: “Eureka”. El saíu da bañeira, segundo din, espido, e correu polas rúas de Siracusa berrando emocionado “Eureka! Eureka!”, logo de descubrir o fundamento do chamado “principio de Arquímedes”.

A nós apetécenos facelo por ter conseguido chegar ata aquí.

A nosa especial bañeira foi Galicia. Nela pretendemos entrar para descubrir as claves de por que esta terra nosa, aínda non é nosa no sentido estrito do termo. Pero, aínda así, aquí estamos diante de vostedes para falarlles de como se xeraron estes primeiros 500 números de A PENEIRA.

Este xornal que hoxe festexamos naceu contra o Poder. E permítaseme aclarar este concepto: naceu contra ese poder omnímodo que se acolle baixo o paraugas dunhas empresas de comunicación que non permiten aos cidadáns acceder a outro tipo de información. Información que lles permita confrontar ideas, someter as ofertas electorais ao estudo da crítica política que, cando é sa, é precisa. Información necesaria nunha sociedade que se quere chamar democrática.

O poder sempre se basea no control da comunicación e da información. O Poder da comunicación está no centro da estrutura e da sociedade. Só mediante a comunicación é que a mente humana interactúa co seu entorno social e natural.

Logo de que a Revolución Francesa deixara instaurados os tres poderes (lexislativo, executivo e xudicial) xorde un cuarto poder imprevisto: a prensa. A prensa nace como un medio de transmitir pautas de comportamento emanadas dos ámbitos lexislativo, executivo e mesmo xudicial.

En teoría os medios deben ser totalmente independentes, aínda que hoxe esa independencia é unha utopía á que xa poucos aspiramos. E digo aspiramos porque nós aínda estamos e seguimos nese limbo no que a independencia é norte e sinal da nosa identidade.

Obviamente, isto ten un alto prezo que pagar. Xunto á independencia está o que se vén en chamar “obxectividade informativa”. Neste punto, permítasenos unha afirmación que para moitos pode parecer unha arroutada: a obxectividade, como a realidade, non existe. Nós estamos con aqueles filósofos que nos ensinan como cada un de nós conformamos a nosa propia realidade; así ocorre coa obxectividade. O que si pode existir no mundo da información é o que os anglosaxóns chaman “o faire play”, a honestidade do xornalista.

Pero a realidade coa que se atopa o xornalista presenta unha serie de matices comparables aos que se poden contemplar diante dun cadro segundo quen o observe. Será, pois, a súa honestidade, o que lle permita transmitir a realidade informativa aos lectores ou oíntes, en cada caso. O xornalista ten como misión conseguir que a propia sociedade se corrixa dos seus desmáns, denunciando aquilo que entende non é correcto no comportamento dos individuos. Sobre todo dos que dalgún xeito teñen nas súas mans o devir, o futuro da sociedade.

Estamos de acordo co comentarista político Fernández Mallo cando se pregunta se sería o escándalo do Watergate quen puxo o quilómetro cero da carreira para facer dos medios de comunicación unha máquina de influencia política. Igualmente se pregunta o papel xogado polos medios de comunicación galegos na consolidación das estruturas sociais e políticas actuais. Que sería das opcións políticas conservadoras sen a pétrea cohesión editorial que presenta a prensa galega, pese á súa actual atomización? Que sería do mundo socialista sen o apoio declarado de El País (nestes momentos xa non tan claro)? Por este camiño poderiamos preguntarnos, cal sería a situación social do nacionalismo de recibir un tratamento semellante ao que obtén o PNV do Grupo Correo Vasco, ou CIU de La Vanguardia, por exemplo?

Neste intre, a Galicia que nós defendemos, a Galicia coa que nós soñamos, apenas conta con apoios neste sentido. Noutras latitudes, as cousas pintan doutra maneira.

Un xornal como “El punt”, que nace no ano 79 en Girona e está estendido por toda Cataluña, edita 50.000 exemplares e pode permitirse o luxo de facer unha ampliación de 5 millóns de euros para 120 socios.

A intervención dos medios de comunicación nunha dirección ou noutra é determinante para a consolidación de forzas políticas empeñadas na modificación dunha sociedade concreta. Ninguén pon en dúbida, nestes momentos, o papel xogado por determinados medios de comunicación do noso país nas últimas eleccións autonómicas galegas. Mágoa que esa influencia non sempre estivera baseada naquel “faire play”, naquela honestidade xornalística á que antes fixemos referencia.


Hoxe asistimos a un momento de cambio nas estruturas dos medios de comunicación. Os estudosos do tema falan de que os medios en papel teñen os días contados; alomenos tal e como hoxe se presentan aos lectores. Internet chama á porta con tal insistencia e forza que todos nos vemos obrigados a dar pasos de xigante en dirección a ese fenómeno informativo global que cada día nos sorprende cunha nova cara.

Obviamente á sociedade galega aínda lle queda moito camiño por andar para que os medios de comunicación actuais poidan comprometerse, tal cal son, con este País. Para que poidan comprometerse coa realidade que cada quen conforma, coa súa honestidade e subxectividade, sen que intereses espurios lle marquen o camiño a seguir. Sen que a conta de beneficios prime sobre ese labor sagrado de que a prensa está chamada a corrixir os desmáns dos poderosos e dar voz aos máis humildes, en calquera dos eidos sociais aos que queiramos facer referencia.

A PENEIRA nace, como dixen, contra o Poder; e non porque nós non aceptemos a existencia dun poder.

Nós estamos contra o poder que absorbe, que humilla, que somete.

Contra ese poder que se instala na sociedade e non permite tocar máis partitura que a que a súa batuta controla. Ese poder que coñecemos neste noso país como “caciquismo”. Aínda que sexa aquel que Fdez. Albor chamaba, nos seus tempos de Presidente, o “bo caciquismo”. Tal vez era indulxente porque axudaba a remar ao seu barco político.

Contra ese poder nacemos no ano 84. Imos cumprir xa os 26 anos e seguimos tendo como norte e guía a defensa dunha sociedade ceibe de poderes subxugantes, ceibe de institucións férreas que non permiten participar aos individuos no seu desenvolvemento; poderes todos eles que coa aparencia de democráticos non están ao servizo dos cidadáns.

Esa é a nosa loita. Non cotizamos en bolsa nin temos contas nas illas Caimán.

Por todo iso permítasenos presumir da nosa rabiosa independencia. Pensamos que facemos algo que esta sociedade precisa, polo que nos atrevemos a solicitar xusta correspondencia dos poderes políticos en cada momento.

Non pedimos esmola, esiximos xustiza.

Claro que isto non sempre se ve da mesma maneira segundo quen goberne o país. País que non foi quen, aínda, de dotarse de medios de comunicación apegados á aterra; comprometidos coa terra, coa lingua, coa cultura, coa historia, coa paisaxe...

Hoxe celebramos a saída da rotativa do nº 500 do xornal e a chegada aos 25 anos, xa pasados, como dixen. Pretendemos seguir na loita; pretendemos seguir prestando un servizo ao País. De todos vostedes e daqueles que non están aquí vai depender que nós sigamos sendo ou non necesarios.

Faremos todo o que sexa preciso para non perder comba. Daremos o mellor de nós en cada momento como fixemos nesta longa andaina que xa é pasado, e na que non podo menos que render unha merecida homenaxe, se vostedes mo permiten, a todos e cada un dos que fixeron posible que ao longo destes 25 anos, o soño se convertese nunha realidade. Foron moitos os redactores que pasaron por A PENEIRA e cada un deles merece unha mención moi especial pola súa achega, así como a merecen todos os colaboradores que, desinteresadamente e coa única idea de “facer país”, achegaron o seu gran de area ao que hoxe é unha auténtica montaña. Sen por iso esquecer a anunciantes e accionistas, que dan apoio e sostén ao noso traballo.

Esperamos que vostedes desfruten do noso traballo, que ofrecemos con toda a humildade do mundo e coa satisfacción de manter ergueito o noso particular facho para que axude a esa “Alba de Gloria” que nos dixera Castelao. Por Castelao, por Rosalía, por Curros e por todos aqueles homes e mulleres que día a día fixeron e fan país,  prometemos non desfalecer.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >