 A festa estivo moi animada Máis de 50.000 persoas participaron na XLII Feira do Cocido de Lalín, cuxa inauguración correu a cargo do presidente da Xunta e que tivo como pregoneira á actriz galega María Castro. Aproveitando a súa presenza, Alberto Núñez Feijóo subliñou na súa intervención que "o paraíso auténtico necesita tamén de festas coma esta, necesita de Lalín, do cocido e desta Galicia nosa que fixo da cociña un santuario de irmandade".
O popular recorreu no seu discurso a unha cita de Álvaro Cunqueiro para louvar a boa cociña galega e o cocido de Lalín, porque, como dixo o mindoniense, "a cociña é unha das máis sutís e profundas invencións do espírito humano, e gozar desta invención non é cousa de tomarse á lixeira". Pero, máis alá da gastronomía, o presidente dedicou parte da súa intervención á pregoneira, á que asegurou que os galegos sofren "moito" vendo como está rodeada de persoas "perversas" na serie de televisión 'Sin tetas no hai paraíso'. "Pensei en utilizar as miñas competencias presidenciais para ordenar ou seu rescate, pero pronto me din conta de que aquel famoso Duque era moi poderoso e podía presentar algún recurso", ironizou o popular. María Castro, pola súa banda, destacou no pregón que o cocido é "fonte de enerxía e de inspiración" e "aviva o enxeño". "Arredor dun cocido só pode haber bos amigos dispostos a gozar desa mestura de produtos que son un escaparate da riqueza de Galicia, unha pequena mostra dafecundidade dunha terra traballada con amor e agarimo desde hai séculos", sinalou. Comendadores e mercado As actividades organizadas con motivo da feira comezaron ás once menos cuarto da mañá no auditorio municipal co nomeamento dos novos membros da Encomenda do Cocido. Así, sumáronse á orde a empresaria María Luz Barreiros; o editor e escritor Bieito Ledo; o secretario xeral da Consellaría de Medio Ambiente, José Antonio Fernández; o presidente do Padroado Rías Baixas, José Manuel Figueroa; o xornalista Enrique Beotas; a científica María Soledad Soengas; o presidente da Once, José Miguel Carballeda, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. A celebración incluíu un mercado de produtos autóctonos e tradicionais no Campo da Feira Vella.
Trackback(0)
|