Advertisement
Puntogal
Do sillón ao tresillo. O cambio de goberno no Porriño PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 2
MaloBon 
miércoles, 03 de febrero de 2010

Raúl Francés na praza do concello
Raúl Francés na praza do concello
“Vostedes fixeron esta moción de censura para conseguir o sillón e coido que o que van precisar é un tresillo”. Estas verbas do xa exalcalde do municipio pontevedrés do Porriño, o nacionalista Raúl Francés, durante o seu discurso, fan alusión ao ácedo enfrontamento que, segundo din os críticos á moción de censura, segue a existir entre os tres líderes conservadores porriñeses. É tan só un exemplo da batalla dialéctica que, entre políticos e veciños, protagonizou un pleno que levantou unha grande expectación.

Dende as primeiras horas da mañá xa se podía ver xente na porta principal de entrada ao salón de plenos do Concello para asegurarse un sitio no interior e poder ver, de primeira man, a sesión de debate da moción de censura que levou ao líder de Ciudadanos por Porriño (CxP) Nelson Santos a coller o bastón de mando do municipio. Ao mesmo tempo, varios técnicos instalaban catro pantallas de plasma na Praza para que os veciños que estaban no exterior puidesen seguir o desenvolvemento da sesión.

A medida que se achegaba a hora, decenas de persoas ateigaban a Praza e a expectación medraba. Ás 11:45h. entraron pola porta lateral do salón os concelleiros da oposición. Logo de abrir a porta para o público, os concelleiros nacionalistas entraron na sala entre os aplausos dos seus seguidores e acompañados dos líderes nacionalistas Carlos Aymerich, Carme Adán e Olaia Fernández Davila.

O pleno foi presidido polo independiente Marcelino Coto -concelleiro de maior idade- que ocupou o seu posto na mesa ao carón da nacionalista Miriam Martínez e o Secretario do Concello. Unha vez que os concelleiros ocuparon os seus lugares, deu comezo a sesión. Coto anunciou a orde de intervencións que, segundo sinalou, foi acordada días atrás na xunta de portavoces: Nelson Santos, abriría o pleno, seguido de Raúl Francés, para logo dar paso ás intervencións dos diferentes portavoces segundo a súa representación.

O portavoz do BNG, Pedro Pereira, pediu a palabra antes de proceder ao debate, para lembrar que o seu grupo denunciara días atrás que a redacción da moción de censura non entraba dentro da legalidade algo que, logo de que o secretario procedera á lectura da mesma, reafirmou Francés preguntándolle ao Secretario se “constaba a sinatura dos nove concelleiros promotores da moción”  na folla presentada no rexistro municipal a través dunha notaría.

Santos e Francés: a batalla

O recén elixido alcalde Nelson Santos abriu o debate entre os berros de “vendido” dunha parte do público asistente á sesión. Fixo fincapé na “parálise que está a sufrir a O Porriño” e falou de que a moción de censura faise para conseguir un “goberno forte e estable” no municipio. “O único que fixo vostede foi poñer bonito o centro... Pero que pasa co paso a nivel, co traslado de Frigolouro, coas canteiras...? Os veciños merécense moito máis”, dixo Santos. “Vostede, señor Francés, foi un alcalde prepotente, non dialogante que se enfrontou aos traballadores do Concello, algo que lle recriminou o sindicato nacionalista CIG. Ademais, todo o mundo sabe que o BNG está fracturado”, asegurou entre as risas dos simpatizantes nacionalistas alí presentes. Santos falou tamén da débeda municipal e dos índices de paro no municipio.

Nun tono contundente, o nacionalista Raúl Francés tomou a palabra. “Pensei que o señor Nelson Santos ía facer un discurso serio de investidura falando de proxectos pero xa vexo que non”, comezou Francés. Logo de defender a “unidade” do grupo municipal nacionalista, Francés contestoulle a Santos. “Vostede, fala de paro? Pregúntelle ao seu xefe Louzán sobre o asunto, que xa sabemos que é o seu xefe”. O alcalde saínte sinalaba que os que asinan esta moción están a poñer ao Porriño nunha “situación complicada”. “O Concello soubo devolverlle o poder á cidadanía. O Porriño deixou de ser un cortello de 19.000 habitantes e iso xa non ten volta atrás”, sinalou. “Vostedes están escenificando un matrimonio de conveniencia e Louzán págalles a dote”, rematou Francés.

Do resto de discursos pronunciados polos voceiros dos diferentes partidos cabe destacar o do socialista Iván Vaqueiro, sen dúbida o máis ovacionado polos centos de persoas que agardaban no exterior e por unha boa parte dos que ocupaban as butacas do salón de plenos. Foi crítico e contundente coa moción de censura levada a cabo polo centrodereita e cos tres líderes conservadores, logo de lembrarlle ao BNG local que tiñan que ter contado co seu partido  para “facer un goberno forte”. Foi o único concelleiro que non foi interrumpido durante a súa intervención.

Crispación

Durante toda a sesión plenaria podíase notar a tensión normal neste tipo de acontecementos. Os abucheos, as interrupcións nos discursos ou os insultos no interior, conviviron cos berros e aplausos das decenas de persoas que escoitaban o pleno a través dos plasmas emprazados na Praza do Concello.

Á saída, o líder nacionalista, Raúl Francés, subiuse a un banco da praza para dirixirse aos alí presentes que entonaban “Raúl Francés, vales máis que eses tres”.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy