 López Orozco O 30 de novembro do 2010 cúmprense 10 anos dun dos fitos que marcaron, sen dúbida, un dos momentos máis importantes da historia moderna de Lugo: a concesión pola UNESCO do título de Patrimonio Mundial á Muralla Romana de Lugo.Con este motivo o concello organiza unha serie de actividades que se suman ás que terán lugar na cidade con motivo do ano Xacobeo. Para o seu alcalde, ademais dun orgullo, é unha maneira máis de dar a coñecer non só o patrimonio da cidade máis antiga de Galiza, senón para situar a Lugo como un destino turístico estratéxico, no que a historia, a cultura, a paisaxe –Reserva da Biosfera- se refire.Ten que funcionar cando a propia mentalidade dos lucenses mudou con respecto ao seu monumento máis emblemático.
-Que aportará Lugo a este Xacobeo 2010? -Vai a aportar que veña moita xente. A pesar de que o noso camiño non é o francés, é o camiño primitivo, non se pode nin imaxinar a cantidade de xente que está facendo o camiño. Co Xacobeo aínda virá moita máis xente. Aí é onde queremos meter o noso Lugo 10, que a xente que visite Galicia se dea conta que existe Lugo, que temos unha muralla preciosa e que ten que visitarnos. Iso mellorará o comercio, mellorará a hostalería, e mellorará a relación entre turismo e cultura. -Que mudou na muralla nestes dez anos? -En primeiro lugar a conciencia e a autoestima dos propios lucenses. Nunca máis se volverá a pensar en sacar a muralla de Lugo. En segundo lugar a preocupación de todas as administracións pola muralla e o seu entorno. Se non fora pola declaración... hoxe non teriamos rehabilitado o barrio da Tineria, hoxe non teriamos os magníficos xardíns en torno á muralla, non teriamos a iluminación do adarbe ou a iluminación da parte inferior da muralla, non nos preocupariamos por sacar a circulación da cidade, non nos preocuparía ter a cidade en perfecto estado de revista, primeiro para os lucenses e logo para todos os que nos visitan. Que importante foi esa declaración! -Síntese máis cómodo co actual goberno que co anterior? -Eu son socialista. Vouno dicir cunha metáfora: eu verquín sangue para que gobernara Touriño. É o meu compañeiro, o meu amigo. Fíxoo moi ben. Pero a partir de aí as relacións institucionais son as relacións institucionais. Máximo respecto para o que goberna, sempre e cando respecten tamén, non á miña persoa senón o cargo que ocupo e respecten tamén á cidade. Colaboración. Sabe porque? Porque tanto a Xunta, sexa da cor que sexa, como o concello, sexa da cor que sexa, temos a obriga de servir a un pobo que foi o que nos votou. Por iso ten que haber entendemento e respecto. -En Lugo hai moito máis patrimonio que a muralla. Hai dificultades para mantelo e ao mesmo tempo medrar como cidade? -Ao contrario. Pode haber algún problema, por iso é tan importante e necesario o consorcio para estudar os achádegos, para facerse cargo dos seus custes, onde debemos colaborar todos: Deputación, Xunta, Concello e tamén os propietarios. Poder contar coa historia romana, poder ter tres museos "in situ" como vamos ter non lle parece tan importante para a cidade, o seu respecto e o coñecemento do seu pasado. Se queremos ser algo no futuro temos que ter en conta ese pasado. Polo tanto arranxemos as dificultades pero conservemos ese pasado.
Trackback(0)
|