Advertisement
Puntogal
O idioma, unha cuestión política PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 3
MaloBon 
miércoles, 03 de febrero de 2010

Se en Galiza fixérase unha enquisa á poboación, como a promovida en Francia polo presidente Sarkozy sobre que definiría mellor a nosa identidade, a inmensa maioría diría que a lingua galega. Seguramente a calquera galego sería o que primeiro lle viría á memoria aínda que non o falase. Non se lle podería ocorrer nada tan característico, diferenciador, e de maior valor identificativo. Até atrévome afirmar que a propia Gloria Lago, nun acto de decencia intelectual, contestaría o mesmo aínda que logo, a pé de páxina, deixase claro que a pesar diso ela preferiría que se falase castelán.

No noso caso de anormalización lingüística, sen dúbida o idioma é o que máis nos caracteriza como colectividade, sendo ao que recorremos de inmediato se hai que achegar algún elemento fundamental para definirnos como galegos. De aí que relegar o noso idioma ten moito que ver con tratar de desleigarnos como pobo. Xa o dicía o filólogo Antonio de Nebrija, que o aprendeu moi ben dos romanos "a lingua é sempre compañeira do imperio" afirmación sobradamente certificada pola Coroa de Castela na invasión americana.

Así o entenderon todos os conquistadores que se afanaban teimudamente por introducir as súas linguas para someter aos pobos conquistados. Pois nada mellor que unha uniformidade idiomática para a despersonalización dos colonizados e a súa integración cos colonizadores. Por iso, tampouco é casualidade que, pola súa banda, os colonizados rebeldes levaran sempre implícita a recuperación do seu idioma nas súas loitas de liberación, conseguírano ou non.

En Galiza o castelán foi unha imposición imperial de intención asimiladora, formando parte fundamental da nosa "doma e castración" que relegou a nosa lingua natural. Así, mentres o castelán impúñase nas clases burguesas, na elites, nos centros de poder, rematando por ser a lingua administrativa, de prestixio, de triunfo, da instrucción e da salvación. A lingua galega refuxiábase no ámbito popular, da pobreza, do atraso, do descrédito, de menosprezo social.

Deste xeito, a relación conflitiva duns idiomas sempre foi unha cuestión política, que agora non oculta o propio PP (de G?) cando fala de adoutrinamento en relación aos que defenden a normalización do galego, empezando polo ensino, porque, como no franquismo, este partido contempla ao galego como unha lingua perigosa porque supón que iso acentuará a conciencia identitaria, e como bo  representante do centralismo castelán, cada vez máis imperialista, non o pode consentir. De adoutrinar que continúe sendo en español para seguir coa doma e castración.

O noso pobo ten como idioma básico o galego, polo tanto temos a obriga de recoñecelo e revalorizalo como ben esencial na conformación histórica da nosa forma de vida e sociabilidade. En consecuencia, a inmersión en galego sería o natural en Galiza, simplemente para recuperalo da fagotización do castelán ao que está sometido. Pero parece ser que a súa normalización - ao menos como o castelán, no que xa estamos inmersos- non é do interese de Núñez Feijoo, criado nunha aldea galega pero abducido polo autoodio do colonizado, maís preocupado, entón, por acadar os agarimos dos seus correlixionarios de Madrid que por exercer de Presidente dun goberno que se di galego.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >