Advertisement
Puntogal
O Consello da Cultura avisa que o novo decreto lingüístico será unha fonte de conflitividade PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 1
MaloBon 
Escrito por Redacción   
miércoles, 03 de febrero de 2010

Ramón Villares e Henrique Monteagudo
Ramón Villares e Henrique Monteagudo
O Consello da Cultura Galega (CCG) advertiu de que é "previsible" que as bases do novo decreto para as linguas no ensino sexan "unha fonte de conflitividade" no sistema educativo e reiterou a súa demanda de que o modelo estea arroupado por "un amplo consenso" e se aborde no marco parlamentario. A institución presentou o seu ditame sobre o proxecto da Xunta, moi crítico con aspectos como o peso reservado ao galego, a consulta ás familias e as previsións de introdución da lingua estranxeira como idioma vehicular no ensino.

Dúas semanas despois de que a Real Academia Galega (RAG) divulgase o seu informe, no que tamén se rexeitan varias das propostas do Goberno autonómico, a análise do CCG foi exposto polo seu presidente, Ramón Villares, e o coordinador da comisión que elaborou o ditame, Henrique Monteagudo. Este aproveitou a presentación para advertir de que a modificación constante do marco normativo sobre o uso das linguas na educación constitúe "un trastorno completo" para a cidadanía e augurar que o novo decreto orixinará conflitos no ensino. "Hai cousas que deben ter un carácter de permanencia e ser pactadas", subliñou.

As dúas ideas centrais do informe do Consello, aprobado "sen votos en contra" polo seu plenario, son precisamente "reclamar un enfoque de consenso" e que "non se pode tratar igual aos desiguais", en referencia ás dúas linguas oficiais na comunidade. Así destacouno Villares, quen incidiu na necesidade de promoción do idioma propio da comunidade e en que a política lingüística é unha área "moi sensible" necesitada de estabilidade e consenso.

Por iso, o seu informe da "continuidade" á proposta que xa realizou o CCG en novembro para que a normatica lingüística fose tratada no Parlamento. Para o Consello, "un decreto non parece o marco normativo axeitado para regular esta materia", tal e como asegura no seu ditame, en que tamén insta á Xunta a non tomar decisións "unilaterais".

No que fai aos cambios previstos para as linguas cooficiais no ensino, a institución censura que a norma tería como "efecto inmediato" reducir a presenza no sistema educativo do idioma "en posición máis feble" --o galego--, e que por iso "non pode considerarse equitativa nin equilibradora". Nesa liña, denuncia que as bases do decreto "veñen a contradicir por primeira vez" na historia da autonomía o principio de progresividade na introdución do galego no ensino, contemplado na Lei de Normalización Lingüística.

Así as cousas, e ante a proposta da Xunta de establecer "un equilibrio horario" no uso do galego e o castelán, o Consello subliña que o Plan Xeral de Normalización Lingüística de Galicia--que considera a referencia básica-- sinala que o alumnado debe recibir "como mínimo" o 50% da docencia no idioma propio da comunidade. A partir deste principio, defende que as bases da nova normativa deben ser formuladas como marco de referencia xeral e "flexible", "adaptable aos distintos contextos sociolingüísticos" e sempre tendo en conta o papel que xoga a educación na consecución da igualdade plena do galego e o castelán.

Ademais, como a RAG, censura a "descualificación" que aprecia nas bases sobre o modelo de inmersión lingüística. Fronte ao rexeitamento da Xunta, subliña que é un sistema que, en situacións de bilingüismo social asimétrico, ofrece os mellores resultados en termos de capacitación nas dúas linguas.

A normativa para a educación infantil é específica, e o CCG tampouco está de acordo coas propostas da Xunta para esa etapa formativa. Así, defende que, como sinala o plan de normalización, se contemple a oferta formativa en galego no primeiro ciclo (de 0 a 3 anos). Para o segundo (de 3 a 6), está de acordo en que se siga como criterio xeral o uso na aula da lingua predominante entre o alumnado, pero mostra as súas "reservas" sobre o procedemento contemplado pola Xunta para determinar cal é, e recomenda prestar unha maior atención ao idioma minoritario nas clases.

A institución tamén reivindica que se recollan dúas previsións do plan de normalización: o uso do galego nun terzo do horario nos ambientes "castelanófobos" e a posta en marcha de programas experimentais en galego voluntario para castelánfalantes.


Rexeitamento da consulta ás familias

A pretensión da Xunta de consultar ás familias para decidir sobre a utilización dunha ou outra lingua nalgunhas materias de primaria, secundaria e bacharelato é outro dos aspectos cos que non está de acordo o Consello, que se suma así ao rexeitamento expresado por varios colectivos e institucións. A xuízo do CCG, esa previsión "debe decaer, tanto por razóns de principio como por cuestións prácticas e de procedemento". E é que, na súa opinión, invade competencias que corresponden á Administración e aos propios centros, e constitúe "unha potencial fonte de tensións e conflitos" na comunidade educativa.

Tamén espera que se rectifice o establecido sobre a utilización dos idiomas na aula por parte dos alumnos. Fronte á libre elección, o Consello defende que o "principio xeral" debe ser que se use a lingua en que se imparte cada materia, "unha esixencia que será de aplicación gradual e flexible".

No que fai á introdución das linguas estranxeiras como idiomas vehiculares no ensino, o CCG asegura, para empezar, que esa materia debería ser regulada nunha norma específica. Pero esta non é a súa única crítica neste punto, xa que cualifica de "precipitadas" as previsións de que se empreguen nun terzo do horario lectivo.

Ao seu xuízo, a introdución destes idiomas débese realizar de xeito gradual e voluntario, "na liña dos programas aplicados noutros países", e aplicarse tamén na formación profesional específica e nas ensinanzas artísticas e deportivas, non contempladas no borrador da Xunta. Cree, en todo caso, que nun primeira fase os esforzos en favor do plurilingüísmo deberíanse concentrar no ensino universitario.

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >