 Julio Castelo e Eduardo Páramo A empresa municipal Turismo de Pontevedra conta cun novo xerente encargado do seu funcionamento, xa que foi presentado como máximo responsable deste organismo o directivo pontevedrés Eduardo Páramo, cunha experiencia de máis de 15 anos en empresas do sector, e que foi elixido por un comité de selección presidido polo concelleiro de Turismo, Julio Castela.
En súas primeiras declaracións, Eduardo Páramo afirmou que chega co obxectivo de “situar a Pontevedra como referencia turística e como capital efectiva das Rías Baixas dentro deste sector”, xa que na súa opinión, a cidade “conta con recursos suficientes para xogar este papel e agora toca traballar profesionalmente para acadalo”. Neste sentido, Páramo destacou que durante os próximos días realizará un intenso labor de posta ao día “coñecendo aos distintos actores pontevedreses, incluíndo aos empresarios e a todas as administracións involucradas na promoción turística”. O novo xerente, que foi seleccionado entre 22 candidatos, ten 39 anos, é técnico en Empresas e Actividades Turísticas, diplomado en Turismo e conta cun posgrao sobre “A Xestión da Calidade nos Hoteis”. “É pontevedrés e ten unha longa traxectoria profesional de 15 anos que inclúe o seu paso por cadeas e hoteis de Madrid, Francia e Granada, nos que puxo en marcha todo tipo de procesos relacionados coa mellora continua e a xestión da calidade”, segundo destacou o concelleiro socialista, quen avanzou que neste ámbito “en poucas semanas” presentarase a nova sinalización dos hoteis da cidade e unha nova guía de Pontevedra dentro da serie "Cidades con encanto" da editorial Aguilar.
Trackback(0)
|