|
Miñas donas e meus señores, témola montada. O alcalde de Vigo ven de convocar unha manifestación para o vindeiro martes 9 de febreiro contra a fusión das Caixas galegas e o Presidente da Xunta retrucoulle que esta manifestación vai contra os intereses de Vigo. Os grupos popular e do BNG no Concello vigués opóñense á demostración que conta só, xa que logo, co apoio dun terzo do Concello, os nove concelleiros socialistas.
Unha vez máis, Caballero cúbrese coa bandeira do viguismo irredento e adopta unha decisión sen o apoio dos seus socios de goberno nacionalistas a quén haberá que lles presumir, porén, tanto amor a Vigo coma o deste alcalde. Os argumentos de Caballero tensiónanse até a fronteira da demagoxia e podemos estar diante dun proceso semellante ao daquel Paco Vázquez que congregou ao coruñesismo irredento na manifestación pola capitalidade do verán do 1982, que precedeu á súa elección por maioría absoluta no 1983 e deixou 23 anos despois unha Coruña ensimismada e desindustrializada. É certo que toda a responsabilidade desta perigosísima deriva non é da total responsabilidade do alcalde vigués. Porque dende a Presidencia da Xunta e dende os dados que se tiran do custosísimo informe de KPMG tampouco se soubo tranquilizar á sensibilidade da primeira cidade da Galiza. E porque o chamado “lobby” coruñés e o seu voceiro mediático encargáronse de salientar de primeiras a suposta primacía de Caixagalicia na fusión. Unha primacía que arestora xa ninguén defende. A decisión política de manter a galeguidade das caixas precisa da seguranza na viabilidade económica das Caixas galegas, fór xuntas fór separadas. Unha eventual fusión será positiva se integra ambas as entidades nunha nova resultante, equilibrando o efecto das súas sedes e garantindo a súa continuidade estábel. Sería unha catástrofe, porén, se esta viabilidade non se garantise no futuro e a Caixa resultante fose peza de caza a cobrar por entidades máis fortes de fóra do noso País Así e todo, na convocatoria de Caballero sobrancea o interese do curto prazo electoralista e a chamada a un estéril localismo. Porque nesta chamada non se albisca a defensa dos intereses de Vigo e da súa área que son propios da verdadeira ( dito así, con maiúsculas) política.
Trackback(0)
|