 Méndez Ferrín O recente elixido presidente da Real Academia Galega (RAG), o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín, declarou que "a situación de pobreza na que vive a RAG é unha ofensiva para o pobo galego". A pesar de mostrarse moi agradecido en nome da asociación, a todas as deputacións e entes privados polas axudas voluntarias que lles ofrecen, puntualizou que "así non se pode vivir".
Xosé Luis Méndez Ferrín informou que un dos obxectivos da nova directiva da Real Academia Galega é estar nos orzamentos da Xunta de Galicia e do Goberno central, xa que a RAG como organismo independente non se encontraba entre eles. A institución tampouco dispón de fondos propios, senón que sobrevive grazas ás axudas voluntarias proporcionadas polas deputacións que teñen un "compromiso histórico con ela", como é o caso do concello da Coruña, ou dos que ofrecen o seu apoio ocasionalmente. O novo presidente da RAG reunirase co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o resto de partidos políticos para chegar a un acordo parlamentario sobre a situación económica da Real Academia. "Os poderes políticos teñen a obriga de escoitar a RAG como espazo público e de carácter oficial", dixo Méndez Ferrín. O recente elixido voceiro da institución sinalou que para chegar a "unhas condicións mínimas" coas que se poida pagar aos traballadores e cubrir outros gastos da entidade, necesítanse 1.200.000 euros. "A asociativa e os académicos traballan en réxime de voluntariado, aquí non hai soldos", informou Ferrín, pero "iso si, están moi satisfeitos con que así sexa, non reclaman nada". Á parte das achegas voluntarias ofrecidas polas entidades políticas provinciais e de organizacións privadas, a Real Academia vive das subvencións puntuais pola elaboración de dicionarios, traballos de sociolinguística ou gramáticas da lingua galega. Decreto e Premio Nóbel Xosé Luis Méndez Ferrín opinou, durante a entrevista a RNE, sobre a declaración feita por Núñez Feijóo de que os participantes na manifestación contra o decretazo eran "nacionalistas con comportamento radical", ao que o dirixente da RAG respondeu que "ao meu entender, querer conservar un decreto inalterado pola normalización lingüística é ser conservador", e engadiu que "ser radical é querer desfacer todo o que se fixo todos estes anos polo galego". Ao preguntarlle sobre a súa candidatura para optar, de novo, ao premio Nobel dixo que era "unha satisfación" porque Galicia "é digna de ter un premio Nobel de literatura" fose el o candidato ou outro profesional galego. "É un acto de autoestima importante nun lugar onde existe moito complexo de inferioridade" ao encontrase con persoas que "minusvalían" a súa propia cultura e historia.
Trackback(0)
|