|
O derradeiro Xacobeo até o 2021 sen dúbida precisaba doutro pulo, doutra definición, doutra planificación e doutra programación. E. tamén, doutra política de captación de patrocinios, que acada arestora cantidades inéditamente baixas. Cometéronse erros graves no deseño dos instrumentos promocionais, que esquecen o carácter central de Compostela e dos Camiños, como tamén o do propio País onde éstes se insiren (Galicia) no que atinxe á publicidade fóra do Estado, que so se refire a España.
A cultura galega vese esquecida na programación, na música e nas artes escénicas. Promover o noso talento, a nosa creación, semella non constituir o cerne das preocupacións da Xunta, malia pluralidade e alta calidade das nosas creación culturais. Este Goberno tén un problema para facer da nosa identidade e cultura un factor de atracción turística e de promoción da nosa imaxe e da nosa marca como País. E probabelmente o problema estea en non se recoñecer na nosa identidade e noa nosa cultura. Mais este desleixo aplícase tamén ao noso tecido empresarial nos sectores da promoción cultural, produción audiovisual e servizos publicitarios. Descoñécese a importancia relativa gañada por estes sectores nos últimos anos, a súa profesionalidade e máis a calidade dos seus servizos. E, xa que logo, adxudícanse os contratos a axencias de publicidade e produtoras audiovisuais de Madrid. Que, por suposto, por descoñecer o País, os Camiños e a propia cidade compostelá elaboran unha campaña e un produto caros e de dubidosa rendibilidade para a promoción exterior do Xacobeo. Canto á dimensión e capacidade de xeración de retornos dos eventos programados, cómpre dicir que éstes carecen desa capacidade de atracción que crea facturación e riqueza na hostalería, comercio e turismo. O Xacobeo explicou a inconveniencia de traer a U-2 e, con obxeccións, vou dar por boas estas explicacións. Mais desbotar este concerto non quere dicir que non sexa moi conveniente programar eventos con probada capacidade de xeración de retornos. Doutro xeito, co mero incremento de peregrinos non se acadará ningún crecemento notábel no PIB. E, a respecto deste incremento, semella que tampouco na rede de albergues o Goberno galego fixo os deberes, dubidándose que se vaia atopar en condicións cando chegue, aló pola primavera, a meirande parte dos peregrinos. Xa que logo, na devaluación do Xacobeo exemplifícase a política dun Goberno que non cre no autogoberno como instrumento de reactivamento económico e non cre na nosa identidade, na nosa diferenza, como o aval para presentarmos perante o mundo. E mesmo non acredita na centralidade do Camiño e da Compostela de Galicia na promoción do Xacobeo 2010, que vai camiño de se converter noutra oportunidade perdida.
Trackback(0)
|