 Castelo británico Tódalas viaxes son inesquecibles, grávanse nos miolos e pasan a engrosa-la bagaxe de experiencias que vai conformando a propia persoa. Aquelas das que se poden tirar conclusións inmediatas sobre o hábitat de cada un, adquiren un valor inestimable. Este é o caso da viaxe polo sur de Inglaterra e Gales.
Arredor dos celtas Os celtas deixaron unha fonda pegada nas Illas Británicas. Ó contrario ca en Galicia onde os celtas quedaron sometidos a Roma a partir da incursión de Xulio César, nas Illas Británicas se repartiron a hexemonía cos romanos durante centos de anos. A herdanza dos celtas foise transmitindo ate os tempos actuais. Xa sabemos nós da propensión daquel pobo ás comunidades pequenas e aínda hoxe tanto Gales coma Cornwall seguen sen contar con urbes importantes; eis Cardiff intentando tornarse unha gran capital ás présas. Coñecemos tamén o valor que daban á terra, como non podía ser doutro xeito, e o carácter esencial que atribuían á vaca, elementos que continúan a amosar unha incuestionable preeminencia. Pobo sobrio e hospitalario, pacífico e austero. En Cornwall manteñen vivo, inda que en reducida cota, o uso do cornish, idioma que presenta certas similitudes co galés, esta lingua en liña ascendente. A palabra máis repetida en Gales: croeso/welcome. Síntoma de irmandade: no paseo marítimo de Aberystwyth, un cartel homenaxea as nacións sen estado normalmente ignoradas nas contornas internacionais; entre outras bandeiras, atopámo-la galega. O valor da tradición En cada imaxe ou recanto, en cada estrada ou carreiro, en cada rúa ou praza, en cada edificio ou monumento, velaí a tradición conservada intacta ate o século XXI e plenamente vixente. En Inglaterra subsisten o British Heritage, o English Heritage, a National Trust ou a Historic Houses Association, organizacións dedicadas á conservación e explotación de recintos históricos. Agrupan máis de 1.000 lugares de alto valor patrimonial, todos eles obxecto de elementos de información estandarizados como folletos e libros, guías especializados, tendas de regalos e sinalización nas estradas; moitos tamén de tea room, restaurante e/ou oficina de organización de eventos. Dispoñen de tarxetas de afiliación anual que permiten as visitas gratuítas durante o ano así como de pases temporais. Noutros medios, levamos anos denunciando a situación de desleixo no que se encontra o patrimonio cultural e histórico de Galicia. Alguén pode alegar que Inglaterra e Galicia non son casos comparables. Velaí Gales logo, un país de dimensións equiparables ó noso. Gales conta co Cadw (léase "Cadu"), o cal preséntase coma o "Welsh Assembly Government´s historic environment service whose aim is to promote the conservation and appreciation of Wales`s historic environment". Sobran as traducións. O Cadw agrupa 110 lugares de valor histórico, 38 deles de acceso público convenientemente publicitados e sinalizados e dotados dos requiridos elementos informativos para o visitante. O peso da tradición e a súa posta en valor en Inglaterra e Gales non se reduce ós lugares de carácter histórico. Outro elemento de enorme proxección é a arquitectura popular. Se cadra o caso máis singular sexa a rexión dos Cotswolds, que fai fronteira con Gales, composta por vilas pequenas, algunhas auténticas aldeas ("hamlets"), cuxas casas foron construídas coa pedra daquelas terras, dunha cor dourada distinta a calquera outra coñecida. Tal como deixara escrito o autor inglés H.J. Massingham, nos Cotswolds "as vilas abrollan da paisaxe". Pois ben, no que noutro tempo foron casas de labranza, celeiros e cortellos, virou en zonas residenciais de alto nivel, centro dunha vizosa actividade en sectores tan diversos coma o turismo, a creación artística, a artesanía, a tecnoloxía ou o asesoramento empresarial. Tanto así que os moitos comercios e restaurantes da rexión atópanse a cotío ateigados de clientes e que mesmo algunhas das vilas está a estende-los seus límites. Porén, a única diferencia entre as casas novas e as vellas vén sendo o sinal do tempo marcado na pedra. Este respecto inmaculado pola arquitectura espállase ó longo de todo o territorio percorrido. Non se tira unha casa nin se estraga unha rúa nin se descompón un conxunto arquitectónico. Consultas un gravado ou fotografía antiga e identifica-los seus elementos sen mácula, mantidos tal cal a súa fasquía orixinal durante décadas ou séculos. Mesmo as ampliacións dos límites residenciais observan escrupulosamente os criterios das rúas e barrios lindeiros. Eis o novo caso de Southgate, en Bath, un barrio acabado de edificar sen perde-la solución de continuidade co centro histórico. En Galicia, nada máis podemos presumir dun caso similar de aproveitamento da arquitectura popular: Allariz. Porén, as novas construcións desta vila ourensá arrombaron os criterios tradicionais e rendéronse ás pautas do sector inmobiliario "moderno". Consideracións de similar natureza podemos facer sobre outros elementos básicos da idiosincrasia dos pobos británicos. Un que novamente nos atinxe é a condición marítima. Mentres que en moitas das vilas e cidades galegas, estase a perder o carácter mariñeiro, en Inglaterra e Gales contémplase coma un factor diferenciador esencial. Brighton, por exemplo, respectou e potenciou as instalacións dos peiraos, embarcadoiros e lonxa que se estenden ó longo da fachada litoral da cidade creando un extenso espacio de infinitas posibilidades. O lema da cidade non deixa lugar ás dúbidas: "We do like to be to be beside the seaside". Que lonxe o caso de cidades ben similares como A Coruña! Operacións parecidas observamos tamén en Exeter arredor do seu peirao fluvial. Outrosí na costa atlántica, sucédense as vilas que conservan unha relación marabillosa co litoral. Subliñamos Falmouth ou Penzance, en Cornwall, e Aberystwyth ou Llandudno (léase "Clandindou") en Gales, en doloroso contraste coa maioría das vilas da Costa da Morte ou das Rías Baixas. Percorrido e highlights Esta viaxe debuxou unha sorte de anel do coñecemento, pois principiando en Cambridge, rematou en Oxford. Polo medio, habería que salienta-las cidades catedralicias de Ely, Rochester, Canterbury, Wínchester, Salisbury, Exeter, Bath ou Truro, ademais de Cardiff en Gales. Outros fitos a subliñar con entusiasmo son o Castelo de Dover e os incribles túneles secretos da II Guerra Mundial, o Royal Pavilion de Brighton, o lugar máxico de Stonehenge, a costa dende St. Mawes ate St. Ives, a Lanhyndrof House, Tintagel e a lenda do Rei Arturo, cidades dos Cotswolds como Bibury, Burford ou Castle Coom, Stratford-upon-Avon onde naceu Shakespeare, varios dos castelos galeses como Coch ou Carneafon, así como o litoral entre Menai Bridge e a Colwyn Bay. Unha estafa histórica: outro modelo si é posible Vendéronos a aniquilación do rural coma unha consecuencia ineludible da modernidade, o espolio do agro como síntoma evidente do progreso, o que resultou unha das grandes estafas históricas realizadas sobre Galicia. Hoxe en día, os países co futuro máis brillante son aqueles cun sector agrogandeiro dinámico capaz de facer fronte á estable demanda de alimentos por parte dos países desenvolvidos e á crecente dos países en vías de desenvolvemento. Vendéronos tamén que podiamos subsistir sen industria de transformación, que abondaba con subirse á nora sen fin da construción, con traslada-los mercados ás grandes cadeas comerciais e con substituír a agricultura pola produción forestal do eucalipto. Iso mailas faragullas do turismo desviado ou plaxiado dos polos de crecemento do Estado. E como recibiamos fondos europeos, había para gastarmos en fastosos paseos marítimos de materiais nobres e caro mantemento. Á beira das estradas inglesas e galesas, anúncianse orgullosas ducias de granxas, cada unha con nome e logotipo propio como corresponde coas profesións de prestixio. Os tractores constitúen un elemento máis do tráfico, mentres que milleiros de explotacións gandeiras, especialmente vacas en Inglaterra, máis ovellas en Gales, expóñense na paisaxe. O resto da visión está formada por terras en produción e por árbores autóctonas de folla caduca. Os bosques sitúanse nalgunhas zonas altas e corresponden a especies coníferas, basicamente. Tras dúas semanas de ruta e máis de 1.600 millas cubertas, non dexergamos nin un so eucalipto despistado! O efecto desta configuración na economía dos condados salta á vista. Moitos hoteis, restaurantes ou outros establecementos similares gábanse das súas relacións comerciais cos produtores da zona e colocan carteis coa súa listaxe de provedores e frases como esta: "We are proud to support our local suppliers". As propias marcas insisten no seu carácter local. Nos iogures de Müller lemos: "The Müller dairy is in the heart of Shropshire because we source our milk locally. It can go from farm to yogurt in 24 hours." A empresa "Village Dairy" (Llaeth y llan" en galés tal como rezan os envases dos seus artigos) anúnciase do seguinte modo: "Made on our family farm in North Wales." Esta mesma filosofía trasládase ó sector comercio, que presume de distribuír produtos da contorna. De feito, os centros comerciais adoitan ser de reducido tamaño e estar compostos por tendas locais. Nun escaparate nos Cotswolds, lemos: "All the china (porcelana) you can see in the window has been manufactured and decorated in England." Xaora que outro modelo é posible! Durante os 2.500 quilómetros de viaxe por terras británicas, albiscamos unicamente tres guindastres cando nada máis saír da nosa casa na Coruña, temos trece á vista. Porque en Inglaterra e Gales só se constrúe en función da demanda residencial. E así tampouco non atopamos nin unha casa abandonada, nin unha fachada ou tellado deteriorados, nin un local comercial sen ocupar! Porque a construción especulativa só provoca o enriquecemento rápido duns poucos e a pobreza continuada de moitos. Porque sen actividade produtiva agrogandeira, industrial e tecnolóxica, o modelo está condenado á ruína. |
Trackback(0)
|