Advertisement
Puntogal
J.M. Jiménez Morán, candidato ó PP de Ourense:‘Quero facer un PP de Ourense máis aberto á sociedade’ PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
viernes, 15 de enero de 2010

Jiménez Morán
Jiménez Morán
O alcalde de Verín e candidato á presidencia do PP de Ourense fala con seguridade e valentía. Sábese en inferioridade, a priori, e con pouco tempo para dar a coñecer as súa idea de organización partidaria. Aínda así non vai deixar de presentar batalla polo que cre “mellor para o partido”. Estes días descubriu as grandes diferenzas mediáticas que hai entre a política local e a política provincial. O día 30 os afiliados terán a palabra.

-Fala de "novas ideas" para o PP de Ourense, cales son?

-Máis que novas ideas é nova filosofia e nova organización de partido. Facer un PP máis aberto á sociedade. O eslogan da miña campaña é "Xuntos somos maioría".  Neste partido cabemos todos. Ninguén, por aportar unha idea diferente, ten que ser relegado como pasou en datas pasadas. Onde a sociedade vexa que pode entrar neste partido e aportar cousas, que se lle poda valorar e non onde estean os de sempre, sen temor a que se discrepa poda que non siga no partido.

-Hai quen pensa que a estabilidade quedan "os de sempre" é boa para os intereses do PP...

-Eu estiven no comité de dirección durante moitos anos. Non quero dicir que o traballo que se fixo non fose válido. Foino porque os resultados ata agora foron importantes. Pero o conformismo nunha formación política é perigoso. Levamos varios anos sendo moi conformistas e nótase nos resultados. Hai que darlle un cambio de orientación, de filosofía,... Gústenos ou non, dígase ou non cara afóra, os resultados son o que son. Ainda que manténdonos ben con respecto a outros partidos levamos unha serie de anos baixando e os outros están achegándose. Eu quero mudar esa caída e invertila.

-Que diferencias hai entre vostede e o outro candidato?

-Son de filosofia. Quero un partido moi aberto. Non castigar por ser discrepante. Quero devolverlle aos afiliados a capacidade de decidir. Respeto as ideas de Manuel Baltar pero eu son todo o contrario. A miña experiencia como responsable local do PP do concello máis grande da provincia despois da capital é que agora temos dous mil afiliados cando en 1994 tíñamos 162. Conseguímolo por abrir o partido á xente e que vexa que pode desenvolver as súas ideas políticas. Que haxa liberdade e democracia. As discrepancias, polo menos na organización que eu presido en Verín, enriquecen. Se só fala un... acabamos sendo un partido cun pensamento moi reducido e despois a sociedade vainos a castigar. Non se vai fiar á hora de depositar o voto na urna.

-Din que vostede é o candidato de Feijóo, que hai de certo?

-Son amigo de Alberto Núñez Feijóo. Estou no Comité de dirección rexional por iso penso que son unha persoa de confianza do presidente. Pero tamén estou no Comité de Dirección do PP de Ourense. Son un candidato que me presento porque creo que podo cambiar o rumbo do partido. Presenteime libremente. Non son ningún portavoz de sector de "cabreados". Presenteime dunha forma leal, humilde. Pedíanse que se presentaran candidatos e o que me atopo é cunha agresividade cara min que non é normal. Decepcióname tremendamente. Pensei que varias candidaturas era algo "normal" nun partido cando ten que cambiar os seus órganos depois que o seu presidente decide irse libremente. Que dous compañeiros de partido explicaran ás bases cales eran as súas ideas sobre a estrutura do partido, máis que falar de programas porque entende que o programa é o mesmo para todo o PP. Chamoume a atención que me chamara para debatir sobre o "programa" cando é o mesmo para os dous, o que se aprobou para as autonómicas. Non foi asi. Non é unha situación tranquila. Estou decepcionado. A reacción de Baltar presidente non a entendo. Eu estaría orgulloso de que dúas persoas do PP de Ourense pertencentes ao comité de dirección se presentasen pero non é así... debe ser cuestión do apelido. As súas intervencións están facendo bastante dano.  

-Por outro lado José Manuel Baltar pensa que vostede tamén é "fillo", neste caso político, do seu pai.  É incómodo?

-Levo 20 anos con Baltar e como todos debémonos cousas a todos. Pero eu son alcalde de Verín e Baltar tamén é presidente polo traballo feito no meu concello. Polo tanto creo que non nos debemos nada. Sempre houbo lealdade absoluta. José Luís Baltar non pode dicir que lle faltara unha soa vez á lealdade, ao revés, tentei solucionarlle sempre os problemas. Pero a lealdade é a él. Non se pode pretender terlle lealdade ao pai, ao fillo e a toda a descendencia. Deixemos que os afiliados decidan. cando nunha organización entra algo forzado dura dous días. O líder ten que primeiro convencer aos afiliados e en segundo lugar defenderse por si mesmo. Flaco favor lle está facendo ao seu fillo o presidente Baltar coas presións a todos os niveis para que sexa elixido.

-Pensa que segundo sexa o resultado deste congreso podería perigar a presenza do PP na Deputación no futuro?

-Nestas últimas eleccións baixamos en deputados e eu pretendo revertir esta situación. Por que non se gañou a cidade despois de tres lexislaturas consecutivas gobernando con maioría absoluta? Ao mellor porque alguén non soubo unir a xente e todo o mundo contara. Pretendo que todos sexamos abondo xenerosos para que a xente estea a gusto. Non podemos estar todos nunha lista pero nun partido hai cincoenta mil actividades nas que podes participar. Cando unha persoa non se sinte útil abandona o partido e termina retirándoche o seu apoio. É o que está pasando. Hai que facer unha rexeneración democrática semellante á que fixo Alberto. Uns están hoxe e outras estarán mañá. Se és do PP de verdade e non hai personalismos ten que ser algo normal. Aqui non sobra ninguén, todo o mundo é necesario. Pero ninguén é imprescindible. Diciase que en Galicia cando marchara Fraga sería o caos. Marchou, veu Alberto Núñez Feijoo e foi capaz de xenerar a ilusión suficiente en todo o electorado para chegar a presidente. Eu non concibo a un presidente levando absolutamente todo. Creo que se debe delegar a responsabilidade en órganos. Darlle a xente a posibilidade de facer cousas por si mesma. Acordámonos pouco do afiliado. A estructura do partido ten que ser áxil como a que me funciona a min en Verín. Cun Comite de dirección onde estén representadas todas as comarcas e se fale dos problemas de Ourense, hoxe non están todas e moitos representantes non están presentes nas reunións. Tamén poder ter unha reunión de Xunta Directiva cada tres meses e non cada ano e por obriga. É onde o presidente provincial dará conta do que se está facendo. Logo unha serie de órganos sectoriais que nutrirán de ideas ao partido. Despois haberá que modernizarse en temas como a páxina web, un departamento de comunicación e outro de asesoría xurídica,  sobre todo para os concellos pequenos, e un para os propios cidadáns que queiran informar das súas inquedanzas.

-Vostede é home de equipo...

-Totalmente.

-Conta xa coas persoas que levarían a cabo ese traballo?

-Teño moita xente que me está axudando pero como o outro candidato comezou seis meses antes... Ademais teño que compatibilizar a alcaldía de Verín con esto e o outro candidato ten vacacións parlamentarias. Pensareino depois das eleccións a compromisarios. Primeiro teño que coller os 244 avais, cousa que tentan que non os colla, porque senón non habería eleccións.  

-Haberá ao final unha verdadeira "liberdade de voto" ou gañarán as presións?

-O que se tenta agora e que non chegue a votación, porque é libre e secreta. Nas urnas pode sair, como dicia Victorino Núñez, "ata un tigre". As presións a xente as entende mal. Non estamos no ano 1977 senón no século XXI. Neste caso vaise dar. Eu non pido o voto para min, pido que a xente reflexione e vexa a traxectoria dun candidato e do outro. Unha cousa é falar do que se vai facer e outra do que se leva facendo que pode contradicir o que se di. Que valores as ideas, a organización do partido e voten en liberdade. Case con total seguridade que vai ser o mellor para o partido e o mellor para os afiliados. Se gaño ben e se non vou ser o afiliado máis disciplinado que hai na provincia.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >