 Protesta dos traballadores dunha administración local O Concello de Xerez pretende aprobar un expediente de regulación de emprego (Ere) que afectaría a 550 traballadores, apurado pola débeda municipal e a caída de ingresos. Pero a complicada situación do consistorio andaluz non é unha excepción. A maioría dos máis de 8.000 municipios españois afrontan graves dificultades para facer fronte ás nóminas dos seus traballadores. E Galicia tampouco se libra desta crise.
Segundo datos oficiais, a Administración local galega -conformada polos 315 concellos e as catro deputacións- conta na actualidade con 30.239 traballadores ao seu cargo. Así consta no último boletín estatístico que elabora cada semestre o Ministerio de Política Territorial, correspondente ao mes de xullo. Pero a cifra supón un importante descenso con respecto aos datos de xaneiro, cando se contabilizaban 31.563 empregados. Só na primeira metade do ano, concellos e deputacións de Galicia destruíron máis de 1.300 postos de traballo. A que se debe esta tendencia? A causa principal está na non renovación dun bo número de contratos non indefinidos vinculados ás distintas administracións. Só a terceira parte das persoas que traballan para concellos ou deputacións ten categoría de funcionario. O resto correspóndese con persoal laboral ou outro tipo de persoal, dos que se pode chegar a prescindir cando as arcas públicas chegan a unha situación extrema. E iso é o que parece que está pasando. A freada á creación de emprego pública no municipalismo galego é significativa tamén por outra razón. Analizando os anos anteriores, supón un cambio de tendencia con respecto ao que viña acontecendo. Segundo datos do Ministerio de Política Territorial, os concellos e as catro deputacións incrementaron o seu cadro de persoal un 7 por cento desde 2004. Entre ese ano e 2009 creáronse máis de 2000 empregos na comunidade. Non foi un feito illado de Galicia. No conxunto do Estado, a nómina de empregados na administración local aumentou un 12,6 por cento durante este período. Pero tamén hai que ter en conta a evolución demográfica galega e a media estatal. A poboación residente na comunidade apenas aumentou un 1,5% desde 2004 (pouco máis de 43.000 novos habitantes), mentres que en toda España aumentousi un 8%, o que lle dá maior xustificación ao incremento de traballadores en concellos e deputacións. Recortes nas catro provincias O descenso na nómina de traballadores de concellos e deputacións afecta ás catro provincias galegas. En todas elas éstánse producindo recortes, tal como indican os datos oficiais. Na Coruña contabilízanse 391 traballadores menos, mentres que en Lugo o descenso afectou a 279 empregados. A provincia de Pontevedra é a que máis notou a caída na creación de emprego público, xa que entre xaneiro e xuño destruíronse 532 postos de traballo. No lado oposto está Ourense, onde o descenso foi de 122 empregos. A crise non afecta á nómina de traballadores da Administración central, que en Galicia aumentou o seu cadro de persoal en 180 persoas na primeira metade de 2009.
Trackback(0)
|