Advertisement
Puntogal
Bota a andar o Xacobeo 2010 PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Redacción   
jueves, 07 de enero de 2010

Cerimonia de apertura da Porta Santa
Cerimonia de apertura da Porta Santa
O arcebispo compostelán, Julián Barrio, abriu grazas a tres simbólicos golpes co seu martelo de prata a Porta Santa, dando así comezo o Ano Xacobeo 2010. Nese momento, máis de 1.000 campás da diócese repicaron ao tempo uníndose á celebración. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e boa parte da Corporación, asistiron á cerimonia.

Malia ser unha tarde chuviosa, numerosos composteláns e visitantes achegáronse ata a praza da Quintana para presenciar a cerimonia de apertura da Porta Santa. A mesma tivo como prolegómeno a música, un salmo e a intervención do nuncio da Súa Santidade, Renzo Fratini, que leu unha mensaxe do Papa na que recordou o Camiño de Santiago como itinerario cheo de "mostras de fervor, penitencia, espiritualidade, arte e cultura". "No Camiño –di Benedicto XVI- contémplanse novos horizontes que fan recapacitar sobre as angosturas da propia existencia e da inmensidade que o ser humano ten dentro e fóra de si".

O Papa afirmou a súa proximidade cos peregrinos, convidounos "a facer acopio das súas suxestivas experiencias de fe, esperanza e caridade" e desexoulles que "teñan vida e en abundancia". Finalmente, agradeceu aos responsables civís e eclesiásticos e aos voluntarios, o seu traballo na organización do Ano Xubilar.

Tras a apertura, con suspense, da Porta Santa, a mesma foi atravesada por toda a comitiva para dirixirse ao interior da Catedral, onde continuou a cerimonia relixiosa. Foi entón cando os primeiros peregrinos, visitantes e composteláns puideron atravesar a Porta.

Julián Barrio leu entón a súa homilía, na que animou a todos a "ser capaces de descubrir a humanidade que existe en cada un de nós" e a "cultivar os lazos persoais e sociais, a xustiza e a misericordia, a audacia e a creatividade". Afirmou esperar que, neste Ano Xubilar, "Santiago sexa unha cidade de innumerables referencias para innumerables pobos". Finalmente, tamén agradeceu a colaboración de persoas e institucións para lograr que os peregrinos teñan unha boa acollida.

Igual que sucedera coa Ofrenda de Translación, os actos comezaran, no medio da intensa choiva, coa chegada do delegado rexio á praza do Obradoiro para pasar revista ás tropas e saudar ás autoridades. Tamén como na xornada anterior, a representación do Rei correspondeu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Ao acto de apertura da Porta Santa asistiron, entre outros, ademais do alcalde e a Corporación, o ministro de Fomento, José Blanco; o delegado do Goberno, Antón Louro; e os conselleiros do Goberno da Xunta; ademais doutras autoridades civís, militares e eclesiásticas.

Santos espera que os ingresos por patrocinio acaden os 20 millóns de euros nos primeiros meses do ano

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos confía en que ao longo dos primeiros meses do ano se acade a cifra de 20 millóns de euros por ingresos de patrocinio do Xacobeo 2010. Segundo afirmou nunha entrevista en RNE, recollida por AGN, a cifra actual supera os 12 millóns de euros, e están previstas novas sinaturas nas próximas semanas. Así mesmo, Santos asegura que "haberá novidades" na programación cultural do Ano Santo, indicando que "quedan cousas realmente grandes por chegar" que se irán confirmando en xornadas sucesivas.
No apartado de instalacións, e tras defender as actuacións desenvolvidas nas dúas fases do plan corrector das distintas rutas, Ignacio Santos anunciou que está prevista a inauguración de seis novos albergues durante este ano, ademais da posta en marcha dunha rede paralela de albergues temporais cos que facer fronte á gran afluencia de peregrinos que se espera. Neste sentido, recalcou que "é moi importante a colaboración cos concellos".
Respecto ás críticas por suposta discriminación á cidade de Santiago de Compostela--expresadas polo rexedor compostelán ou pola Cámara de Comercio local, entre outros--, Santos sinalou que entendía "que reclamen maior promoción", pero incidiu en que o papel da sociedade que dirixe é que "o Xacobeo beneficie a toda Galicia". Porén, lembrou que Santiago terá "un tratamento especial" como "meta do Camiño" que é.
Entre as previsións para os próximos meses, indicou que a súa intención é "configurar un equipo de traballo integrado tanto por arquitectos como por profesionais da produción de eventos para definir o investimento e as obras mínimas necesarias" para que o Monte do Gozo poida estar en condicións apropiadas para os acontecementos da época de primavera-verán, tras expresar a súa "pena" polo estado actual de "total abandono".
Seguindo en Santiago, apuntou que a apertura de varios edificios da Cidade da Cultura no segundo semestre do ano podería permitir que este se converta no destino "cultural" por excelencia da cidade tal como a Catedral é o "destino relixioso". Doutra banda, o feito de que no próximo ano 2011 se cumpra o 800 aniversario da Catedral de Santiago foi destacado por Santos como unha opción dentro da intención global de "seguir promocionando a experiencia da peregrinaxe" nos próximos anos. "É moi importante que quede un pouso do Xacobeo", asegurou.
Así mesmo, o xerente da sociedade indicou que están intentando conseguir unha axuda da Unión Europea para o programa cultural e defendeu que o Xacobeo de 2010 debía ser "acorde á situación económica" actual e non de "grandes fastos" como foi o anterior. Porén, resaltou que a "escaseza agudiza ou enxeño" e proclamou que o obxectivo é facer un Xacobeo "contemporáneo", "con vocación de permanencia" -por exemplo, a través do mantemento da edición compartida do Sónar- e que "chegue aos nenos, que son os peregrinos de mañá". 

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >