 Manifestación dos traballadores da planta de Outeiro de Rei Os 74 traballadores que aínda forman o cadro de persoal da fábrica que o grupo Leite Pascual ten na localidade lucense de Outeiro de Rei aínda non recibiron ningún tipo de información sobre as negociacións que iniciou Alimentos Lácteos, a unión de cooperativas que lidera A Arzuana, coa dirección da empresa burgalesa para facerse con esta factoría.
Segundo o seu representante legal, o avogado Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, “non lle coñecen a cara” aos representantes da nova sociedade, o que está xerando entre os empregados “certa inquietude” sobre o seu futuro laboral. “Non hai ningunha novidade, nin sequera a dirección de Pascual se puxo en contacto con nós para nada. Tampouco a sociedade que se fará cargo da fábrica, polo menos en teoría, presentouse aos traballadores nin aos seus representantes, polo que nin sequera a coñecemos”, dixo o letrado. Rodríguez Feixóo lamentou que a estas alturas os traballadores non reciban “ningún tipo de información, nin na fábrica nin por parte da dirección en Madrid ou da asesoría xurídica”. Por iso, recoñeceu que “non están nada tranquila” e temen pola continuidade dos seus empregos. Aínda que seguen formando parte do cadro de persoal de Pascual e cobran o seu salario a fin de mes, en forma de “permiso retribuído”, o avogado lembrou que esa circunstancia “non lle gusta a ninguén”. Na mesma liña, reiterou que os traballadores “queren saber cal vai ser o seu futuro, cando volverán traballar, quen está detrás da nova compañía, en que condicións se fará cargo da mesma e en que situación quedará o persoal”. Os traballadores celebraron unha nova asemblea na propia fábrica, pero o avogado recoñeceu que “non hai ningunha novidade que comentar”. De feito, precisou que “todas estas incógnitas non xeran entre o cadro de persoal tranquilidade, senón máis ben todo o contrario, porque cada vez sementan máis inquietude”.
Trackback(0)
|