Advertisement
Puntogal
Rolda de Rebeldía PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 2
MaloBon 
Escrito por Xurxo Martínez González   
jueves, 07 de enero de 2010

No aniversario do natalicio de Castelao, o 30 de xaneiro, convócase unha xornada aberta para matinar sobre a política en óptica de nación, dentro do proceso aberto polo Encontro Irmandiño denominado “Rolda de Rebeldía”.

A Rolda débese comprender como un proceso de reflexión do nacionalismo galego. Malia estar propulsado polos denominados “beiristas” na súa comisión organizadora participan persoas doutras sensibilidades, algunhas extra-BNG. A súa filosofía responde ás inquedanzas daqueles nacionalistas que teimamos na “reformulación do nacionalismo galego de esquerdas” e na que vimos traballando dende  hai case dous anos.

Esta primeira xornada pretende favorecer o encontro da militancia nacionalista, un contraste de pareceres seguindo o guión de preguntas da Rolda: Serve o modelo clásico de organización? Cal é a relación entre o movemento social e o estamento político? Cómpre para Galiza un novo suxeito socio-político?

Os nacionalistas carecemos de lugares onde nos atopar e discutir abertamente fóra da tradicional estrutura partidaria que limita o debate público. Por iso a Rolda é positiva e por iso é unha chamada para que todas e todos os que, desencantados ou non coas formulacións actuais, poidan facer alí as súas reflexións procurando afortalar e anovar o proxecto (ou proxectos) galeguista.

Pódense comprender aquelas posturas de fartura deste ir e vir da “reformulación”, do marchar e a rexeneración do BNG, do marear a faneca no anzol. Son ben comprensíbeis tales pensamentos mais a conxuntura actual de embate do centralismo in crescendo contra a periferia chama aos “fillos de Breogán” a unha recomposición e unha resituación do noso actuar socio-político. Cómpre estarmos organizados, atentos aos debates e listos para o combate dialéctico co centralismo e a galegofobia.

Pódense comprender integramente as devanditas posturas mais hai un perigo que espreita e mete medo até ao máis valente: o baleiro da actividade militante xenerosa e abnegada deixa paso aos trepas burócratas de bandullo agradecido, aos sectarios analfabetos éticos que teiman en dirixir as relacións persoais doutros e a unha restra de xogadores de intelectualidade que teorizan os problemas alleos á realidade galega. Existen mais corremos o perigo de que abunden!

 A reformulación é un proceso lento no tempo e precisa superar os chanzos correspondentes, sen saltar ningún. Moitos queren que sexa algo instantáneo pero a reformulación haina que traballar e ao traballo de base non todos están dispostos. Non se ergue un proxecto socio-político nun serán! Precisa moita análise e discusión, moitos encontros entre a militancia nacionalista, e non só, para que se coñezan, que se traten, que fagan relacións sociais. Os que miren na reformulación unha táctica con data límite meten a zoca coma igualmente non dan alternativas valedoiras. Non suman.

Cantas veces se ten falado da batalla das ideas! E que inmensamente importante é esta concepción na táctica política. Cómpre falar de ideoloxía, de pensarmos a teoría nacionalista dentro do contexto actual, dende o global ao local. Se acadamos centrar as nosas ideas na praxe cotiá teremos dado un paso xigantesco. Mais denantes hai que falar e reflexionar. A Rolda de Rebeldía está para isto.

Logo ben.

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >