Advertisement
Puntogal
Baltar,candidato ao PP Ourense: A política serve cando estás nun partido que ten vocación de goberno PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 4
MaloBon 
Escrito por Antón F. Escuredo/ Foto: S.Amado   
martes, 05 de enero de 2010

José Manuel Baltar
José Manuel Baltar
Ourense protagonizará a axenda política do PPdeG este mes de xaneiro. Os cambios no partido anunciados dende a dirección en Santiago parece que se están a cumprir. Agora toca o relevo de José Luís Baltar e un dos candidatos é, precisamente, o seu fillo, Manuel Baltar (Esgos, 1967).Cunha extensa carreira política que vai dende ser deputado, o seu paso pola Delegación en Ourense da antiga Conselleria de Gandería, agricultura e política agroalimentaria, concelleiro en Esgos, á actual Vicepresidencia do Parlamento galego. Dende a súa sede electoral responde con seguridade a esta entrevista realizada o último día do ano 2009. “Un político ten que estar as 24 horas ao servizo do cidadán”, asegura.

-Como comezou a súa carreira como político?

-Pode coincidir cunha visita de Adolfo Suárez aquí a Ourense, na praza Maior, a finais dos 70 se non lembro mal. Na noite anterior eu colaborara en facer as pancartas da UCD. Ademais vivín dende sempre na miña casa esa paixón pola política e esa dedicación total. Daquela tiña 13 anos.

-É diferente a política en Ourense que en Santiago?

-O político de raza non distingue estadios. Nin de nivel territorial nin de representación. Os problemas son iguais estén nun cargo público ou en outro. Hai que ter a capacidade de non desvirtuar segundo te sitúes nunha órbita territorial diferente. En absoluto diminúe o  meu nivel de esixencia como ourensán á hora de reparar o abandono e descriminación secular que vimos padecendo.

-Agora ten a  posibilidade de acceder ao cargo de máximo dirixente do PP en Ourense. Cando decidiu  presentarse?

-Dende hai cinco anos son o coordinador do partido na provincia. Despois do Presidente e do secretario xeral no comité de dirección estou eu. Nunhas declaracións do Presidente provincial actual (17 anos de presidente con 36 campañas electorais gañadas por maioría absoluta, non hai ninguén nin en España nin en Galicia que presente unha tarxeta de resultados coma esta) anunciou antes das Autonómicas que se o PP non recuperaba o goberno de Galicia el quedaría porque nos malos momentos hai que seguir. Se presentaba un resultado como o que presentou de maioría absoluta sería o momento de deixalo. Eu sempre dixen que quería dirixir o partido en Ourense se José Luís Baltar non se presentaba, que tiña un proxecto de partido que estou difundindo estes días e que ademais estaba respaldado polo cen por cen da provincia e marchou cando quixo aínda que todo o mundo lle pediu que se quedara. Abriuse un novo escenario no que eu, evidentemente, tiña que xogar ese protagonismo que dicía, sendo coherente co anuncio xa feito por min hai dous meses. Fun con total franqueza, animando sempre a que houbera máis aspirantes que tiveran esa dispoñibilidade, que enriquecerían este proxecto político, para que os afiliados puidesen contratar proxectos e decidirse polo que estimaran máis conveniente para o futuro do partido.

-Ser fillo de José Luís Baltar beneficia ou prexudica?

-Polo que se está vendo e nas críticas que recibo é un atranco. Non se fixan na miña traxectoria e os postos que desenvolvín. Este mesmo mes presido o Parlamento pola enfermidade da presidenta, e ninguén fai críticas sobre temas realmente importantes. Compromisos con esta terra, coa lingua ou co galeguismo que forma parte como eixo fundamental das catro palabras deste proxecto.  Parto da base que todos os que lean esta entrevista teñen pai e están orgullosos del. No meu caso absolutamente. Dedicandome á política en Ourense digo que é un referente político para todos e como non o vai ser para min. Evidentemente na casa falamos de temas da casa e non de política do partido,  iso ten que entendelo todo o mundo. Sei da espectación mediática que suscita por ser un caso único pero non é tan extraño porque se buscamos vemos que acontece noutros casos.

-En que consiste ese "galeguismo" do que fala? Quere dicir que no PP hai sectores non "galeguistas"?

-O galeguismo é un movemento que non vai contra ninguén. Vai a favor. Nós como galegos desde que nacemos temos unha obriga, por exemplo, coa nosa lingua. En Ourense temos unha obriga total cos nosos antergos ourensáns que no século XX contribuíron con tanta forza a configurar un pensamento político galeguista que debe seguir estando en valor. Isto non é o PP de Murcia nin o PP de Badajoz, con todos os meus respectos. Aquí en Ourense o núcleo duro naceu na rúa da Paz con Risco, Otero Pedrayo e Xaquin Lourenzo. Non é ningunha obviedade facer o G de Galicia máis grande e en maiúsculas e o meu compromiso é ese.  Eu son ouresán, galego, gústame a política, milito no PP porque creo que a política serve cando estás nun partido que ten vocación de goberno e podes trasladar a realidade ás propostas que levas no teu programa e esa é a razón polas que estou neste partido político que ten un compromiso co galeguismo e foi quen de darlle nos últimos 25 anos moitas maiorías absolutas e a confianza masiva do pobo galego.

-Ten que recoñecer que a pesar de que é o partido galego con máis votantes galegofalantes a imaxe que dá é de anti-galego...

-Sóname a estratexia "bipartita". Temos un Estatuto de Autonomía que di que a lingua propia de Galicia é o galego. Punto. Non hai outra lingua propia de Galicia. Hai outra lingua oficial, está claro. Durante os gobernos populares aprobouse  por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística como o Plan de Normalización Lingüística. Chegou o Bipartito e por primeira vez chegou o nacionalismo ao executivo autonómico e entón a "pax lingüística" rachou. Utilizouse a lingua como arma de confrontación política, cunhas consecuencias absolutamente nefastas para o Bipartito que durou o que durou. Teñen que facer un proceso de reflexión interna eses grupos políticos. Agora teñen unha presidencia "bananeira" un e unha bicefalia, como mínimo, o outro. Se hai algún partido político capaz de retomar ese consenso lingüístico no goberno é o PP. Do mesmo xeito que tamén é o PP o único capaz de levar adiante a reforma do Estatuto.

-Ao final si hai outra canditaura á Presidencia do PP en Ourense. Que opinión lle merece o outro candidato?

-Pódese dicir que tamén é "fillo político" de José Luís Baltar. É tan lexítimo coma min que se presente. Apareceu a última hora. Sempre dixen que quería un debate e el non quere. Se hai máis dun candidato é para que os afiliados vexan que existan máis persoas con modelos diferentes. Eu quixera comparar, contrastar os dous e finamente decantarme en liberdade por aquel que crea máis conveniente para o futuro do partido. A militancia decidirá. Se non gaño ao día seguinte poreime á súa disposición con todo o meu coñecemento da provincia. Este partido ten que ir unido detrás do seu presidente, como se fixo ata agora.

-Hai quen di que o outro candidato é o candidato de Feijoo...

-A política dos mentideiros nunca me foi atractiva. Penso que hai dous candidatos, os dous son do PP. O PP e Feijóo dixéronme que tiña todo o dereito do mundo a presentarme. Son un home da confianza do señor Feijóo, entendo, porque son vicepresidente do Parlamento de Galicia, el me votou para estar no máximo órgano de dirección da cámara. Preséntome porque quero. Ninguén me empurra. Ningún grupo empresarial nin de medios de comunicación.

-Un deses apoios é o de Rafael Cuíña. Segue vivo ese sector do PP máis apegado á terra?

-Eu o que pretendo é convertir ao PP de Ourense no partido dos ourensáns.  Iso só pode vir du compromiso coa terra, coa lingua e  coa xente. Chamadas de solidariedade como a de Rafael Cuíña son importantes polo que significan pero en Ourense estamos noutra dinámica. O PP é moi grande e acolle a distintas sensibilidades ordenadamente e obtén triunfos electorais, o que quere dicir moito.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >