Advertisement
Puntogal
Ricardo Pérez da A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellà:‘Non se pode estar nos cargos toda a vida' PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Antón F. Escuredo   
martes, 29 de diciembre de 2009

Ricardo Perez
Ricardo Perez
Este emigrante de Casdenodres, A Veiga, preside dende 2006 unha das entidades galegas máis importantes de Catalunya. Prudente e moi falador, atende nun despacho ateigado de papeis, revistas, libros e trofeos. Está a piques de viaxar a Montevideo para participar no Consello da emigración e a pesares dos anos nótaselle ilusionado co seu traballo: dedicar o lecer da xubilación a espallar a cultura galega nas vindeiras xeracións que xa naceron fóra da terra.

-Como entrou en contacto coa A.C.G. Rosalía de Castro de Cornellà?

-A entidade fundouse en 1980 e eu entereime cando xa estaba funcionando. Ao principio eran pouca xente e pasaron por locais pequeniños. Logo pasaron a este local que era dun galego que tiña aquí unha fábrica de maletas. Viñen e fíxenme socio. Entrei na directiva ao pouco tempo como presidente e logo deixeino para axudar a organizar excursións, a familia e o traballo non me deixaban tempo. En 2006 as cousas comezaron a ir mal e entrei como presidente.

-Hai moitas entidades en Catalunya, non?

-Somos 18 entidades e unha federación. Nela hai unha directiva coma nun centro.

-E pensar na unión das entidades?

-Pode chegar pero véxoo bastante difícil porque, como lle dixo o anterior presidente da Federación, Ernesto Lagarón, ao presidente da Xunta, "coa súa entidade cada un fai o que quere". A unidade debía ser o primeiro pero non o é.

-E non todas as entidades son iguais…

-Nós facemos moitas actividades e hai algunhas que non fan nada e a Xunta dalles máis subvencións. Non se dan as axudas con respecto ás actividades. Pasou con Saudade ou con L´Hospitalet. Non organizan conferencias, certamen literarios, revistas, radio,… Hai entidades que nin teñen grupo como é o caso de Terrassa.

-Agora as entidades están divididas…

- Hai uns anos perderon as eleccións á Federación os que levaban de sempre na directiva. Entón quixeron montar outra asociación pero non se lles aprobou porque só pode haber unha e decidiron crear unha asociación cos mesmos estatutos que a Federación. Agora estas mesmas cinco entidades crearon unha Fundación. Na directiva está Ernesto Lagarón como presidente e figura como secretario Manuel Dobarco, imputado na trama "Pretoria", que xa figurou como secretario Lagarón na anterior directiva da federación.

-Hai certo distanciamento agora con Saudade e o seu presidente, Lagarón?

-Eramos como irmáns…as cousas cambian. Non nos levamos mal pero… Ese tema explicámosllo ao presidente da Xunta e ao secretario xeral de Emigración cando estiveron en Barcelona: mesmo Julio Fernández, dos empresarios, tamén lles dixo que era unha cousa moi fea,  que federación hai unha, o outro é un chiringuito.

-Afectou a detención de Dobarco á imaxe das entidades galegas en Catalunya?

-Non. Enviámoslle unha carta á Xunta e aos medios explicando que ese home non era da Federación, foino no seu momento. Agora segue sendo secretario desa nova entidade. Pero foi moi negativo. O tempo porá a cada un no seu sitio. Agora esa outra asociación estalle facendo mal á comunidade galega en Catalunya. A maioría está na federación. Espero que non afecte a máis galegos. Non é nada agradable que a persoa que é secretaria dunha asociación esté no cárcere cunha acusación de corrupción.

-Os políticos participan nas festas dos galegos. Continuará así?

-Non ten nada que ver. Nós convidámolos e eles nos convidan a nós. Agradable o que pasou non é. De secretario dunha fundación xa se cuidarán de poñer outro.

-Hai presidentes que levan anos nos seus cargos…

-Non se pode estar nos cargos toda a vida, hai que ir cambiando. Ernesto Lagarón leva non sei cantos anos como vogal do Consello da Emigración.

-Que lle pareceu o novo Secretario xeral de Emigración?

-Pareceume unha persoa bastante seria. Gustáronme todos os que pasaron por ese cargo. Penso que o poderá levar ben.

-E o presidente?

-Xa estivo aquí antes e prometeu que volvería como presidente. Esperamos que veña ao 30 aniversario. Pensamos convidar tamén a Montilla.

-Tantos anos na emigración…que lembra da Veiga?

-Moito. A miña muller tamén é dalí e temos unha casiña para ir en vacacións. Vivín na Veiga ata os 18 anos. Lembranzas de pequeno, pois do meu pai que era zapateiro. Tíñamos tamén vacas e todos os días tiña que ir a Veiga.

-Nese concello hai moita emigración, que pode facer o emigrante para axudar a mellorar a actual situación alí?

-Cando me viñen había 7.800 habitantes en 1961, e agora haberá uns 700. No inverno hai pouca xente. Meu irmán vive alí todo o ano. As terras e os prados non os queren ninguén. Fixeron algunhas casa de turismo rural e debería de haber máis porque cando organizamos a xuntanza tiven que buscar sitio na Rúa, estaba todo cheo. Se cadra o futuro está no turismo, en facer unha parcelaria, darlle as terras á xente que as quixera traballar.  

-E opina da moción?

-Moi mal. Eu son amigo do Edesio, o que nomearon agora alcalde. Os que lle deron a alcaldía antes a Fernando agora lla dan ao Edesio porque en Galicia gañou o PP. Antes eran dun lado e agora non… Fernando fixo moito pola Veiga. Non me parece moi correcto pero se en democracia se admite. Podían esperar ás eleccións.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior