 Gloria Lago A presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, considera "preocupantes as mensaxes lanzadas nas últimas semanas" polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, sobre o contido do borrador do decreto que substituirá o controvertido 124/2007 sobre o uso do galego no ensino, e que se prevé que sexa presentado publicamente mañá.
Lago vaticina que a proposta da Xunta, agás en Educación Infantil, onde cre que si se aplicará a liberdade de elección da lingua vehicular, “servirá unicamente, no mellor dos casos, para suavizar a nefasta política lingüística do bipartito, e non para resolver un grave problema que afecta, non á conservación de ningún idioma, senón á educación dos escolares galegos”. “O novo decreto-para Gloria Lago - será un placebo, un documento co que o presidente pretende agochar ou terxiversar o seu compromiso electoral, pero que moito me temo que deixará patente que Núñez Feijoo enganounos, a min, aos socios de Galicia Bilingüe e aos galegos que foron a votar convencidos de que poderían escoller a lingua vehicular do ensino ”. Segundo Lago, non sendo que se prevea que nos sobres de matrícula se permita aos pais ou alumnos exercer con claridade o seu dereito a elixir o idioma das materias troncais, as reiteradas chamadas de Feijóo a favor do trilingüismo preséntanse, a priori, "como un simple cambio de porcentaxes fronte ao actual decreto e co agravante de que a falta de profesores capaces de impartir as súas clases na terceira lingua resólvase igualmente sen contar coa opinión dos proxenitores ou os estudantes". A presidenta de Galicia Bilingüe alerta tamén "sobre un aspecto moi importante que debe recoller o decreto e sobre o que o presidente non anticipou nada nas últimas semanas, a promesa de que os escolares, con independencia do idioma en que se impartise cada materia troncal, poderían utilizar os libros e o resto do material didáctico, así como facer os exames, na lingua da súa elección".
Trackback(0)
|