 Guillerme Vázquez O Bloque Nacionalista Galego considera “ilexítima” a moción de censura que anuncia o Partido Popular para Porriño porque, en palabras do seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, “o Goberno local funciona ben e ten o apoio dos veciños e das veciñas”.
“É unha moción que carece de calquer lóxica democrática e que obedece exclusivamente aos intereses partidarios do Partido Popular”, dixo Manuel Antelo, secretario de Acción Municipal do BNG, quen lembra que en 2008 o alcalde de Porriño, o nacionalista Raúl Francés, apresentou os orzamentos vinculados a unha cuestión de confianza. “Daquela o PP non formulou nengunha candidatura alternativa. A que vén que o faga agora, cando a estabilidade do goberno é total? Está claro que se o fai é só por motivos de interese partidario, que non teñen nada a ver coas necesidades e os desexos dos veciños e das veciñas”, alega. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, fai un emprazamento directo ao presidente do PP galego e titular da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, para que “pare esta manobra antidemocrática”. “Se non actúa para impedir esta moción de censura, farémolo responsábel do que constitúe un ataque intolerábel contra a democracia no concello de Porriño”, advirte Guillerme Vázquez. “Xa abonda de utilizar estes atallos para conseguir desta maneira espúrea o que os veciños e as veciñas non che outorgan nas urnas”, reflexiona Guillerme Vázquez, quen salienta que “o BNG é a forza política máis votada no Concello, así que o PP está disposto a violar a súa propia doutrina -a de que debe gobernar sempre o grupo político máis votado- con tal de conseguir o poder local en Porriño”. De acordo co que ten trascendido até o de agora, o partido de Núñez Feijóo manobra para entregar a Alcaldía a uns indepedentes ex PP. A concesión ao portavoz do PP por renunciar a Alcaldía sería “metelo pola porta de atrás” na Deputación de Pontevedra, a costa do alcalde do Rosal. “Trátase dunha utilización indigna das institucións públicas ao servizo de estratexias puramente partidarias e que nada teñen a ver co interese xeral”, denuncia Manuel Antelo. O secretario de Acción Municipal do BNG considera que detrás desta manobra antidemocrática do PP está “unha estratexia por conservar a Deputación provincial de Pontevedra”. “O PP entende que a Deputación se pode xogar nas próximas eleccións municipais precisamente no partido xudicial de Tui”, indica Antelo.
Trackback(0)
|