 Cesar Mosquera O voceiro do grupo provincial do BNG, César Mosquera, asegurou que a débeda da Deputación de Pontevedra, que no 2004 cifrábase nuns 40 millóns de euros, triplicouse en tan só cinco anos, xa que segundo os nacionalistas ascende nestes momentos a uns 140 millóns de euros, “unha situación que deixa á institución á beira da quebra técnica”, dixo.
Segundo explicou César Mosquera, a situación económica da Deputación aproxímase á que tiña no 1993, “cando incluso había problemas para pagar as nóminas e as facturas pasábanse dun ano a outro”, froito na súa opinión dunha dilapidación “constante” nos últimos anos, co obxectivo “de servir de contrapeso á Xunta de Galicia durante o goberno do bipartito ”. Porén, despois de que o PP recuperase a Xunta de Galicia, o BNG cre que a situación non cambiou “só que agora usan a Deputación para fins partidistas, para comprar vontades e mocións de censura mediante a concesión de subvencións directas”, xa que na súa opinión os investimentos da institución provincial, “son calquera cousa agás ecuánimes, xa que se prima aos concellos gobernados polo PP ”, indicou. No que fai ao orzamento provincial que o PP presentará no pleno da próxima semana, Mosquera destacou que supón “unha tremenda baixada” con respecto ao 2009, ao reducirse en 31 millóns de euros, “pero a diferenza do aprobado en pleno”, non hai un recorte ou contención no gasto corrente “que aumenta un 15 por cento”, e criticou que se suprima o plan de emprego provincial. Ademais, Mosquera denunciou que o PP reduciu as partidas orzamentarias destinadas a todos os seus organismos autónomos como o IPESPO, Turismo Rías Baixas, o Museo de Pontevedra ou a Escola de Canteiros, mentres que as subvencións nominativas “coas que o PP pode seguir comprando vontades ao darse de forma directa” ascenden en máis dun 40 por cento. Neste sentido, o BNG que presentará as súas emendas nunha comisión que se reunirá o vindeiro martes, aposta por “reaxustar” as competencias da Deputación, transferindo á Xunta de Galicia varios dos seus centros e modificar o Plan Anticrise “que se quedou nun mero reparto de fondos aos concellos do PP, aparellado a un recorte nos gastos ”, afirmou.
Trackback(0)
|
Saúdos