Advertisement
Puntogal
A Xunta aprobará no 2010 un programa fronte ao cambio climático que cumpra a redución de emisións PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Redacción   
jueves, 17 de diciembre de 2009

O novo plan paliará a emisión de gases
O novo plan paliará a emisión de gases
A estratexia galega contra o cambio climático será definida a través dun Programa Marco Galego 2010-2020 que marcará obxectivos a curto e medio prazo, e que incorporará os acordos resultantes do Cume de Copenhague. Explicouno o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión semanal do Goberno galego, onde a Consellería de Medio Ambiente informou sobre a elaboración deste proxecto, cuxa aprobación está prevista para finais do próximo exercicio.

Nunha primeira fase, traballarase en medidas concretas ata 2012--de acordo co protocolo de Kyoto--, que se estruturan a través de tres plans: de observación, investigación e adaptación; de redución de emisións de gases de efectos invernadoiro; e de formación e concienciación cidadá.

Sobre o primeiro plan, está previsto adoptar as accións necesarias para reducir os impactos negativos e aspírase tamén a anticiparse e prever solucións a problemas vindeiros. Potenciaranse redes de observación dos ecosistemas galegos e proporanse liñas de investigación que permitan coñecer impactos en sectores socioeconómicos.

Isto está relacionado tamén coa redución dos gases de efecto invernadoiro que se emiten. Ao respecto, o presidente da Xunta sinalou que Galicia emite o 8,2% do dióxido de carbono (CO2) de España, aínda que destacou que se debe ter en conta que tamén existe unha "enorme capacidade" da comunidade de "fixar CO2", dada a masa forestal existente.

O plan de redución de emisións ata 2012 refírese ás procedentes de sectores difusos (as non contempladas no mercado de emisións), que son uns 17,7 millóns de toneladas de CO2 equivalente no 2007. Isto representa en torno ao 50% do total de dióxido de carbono que se lanza á atmosfera desde a comunidade.

Segunda fase

A segunda fase do programa contra o cambio climático éxponse un horizonte de dez anos e, neste sentido, contémplanse as previsións de redución de emisións xa fixadas por Europa para 2020: reducir as emisións totais de gases de efecto invernadoiro nun 20% respecto aos niveis de 1990, porcentaxe que se podería incrementar en 10 puntos se outros países industrializados asumen tal compromiso.

Segundo o Goberno galego, Galicia participou activamente nas reunións preparatorias para o cume de Copenhague, cuxos resultados condicionarán tamén os proxectos previstos para 2013-2020 en Galicia. En todo caso, a comunidade estará entre "as rexións europeas que cumpran os compromisos", aseverou Feijóo.

Cronoloxía

O calendario previsto para a elaboración e aprobación do programa marco comezará a comezos do 2010. En xaneiro presentarase o programa aos equipos directivos de cada consellería, xa que todo o Goberno galego estará implicado. Nestas reunións nomearase un coordinador de cada departamento e establecerase un calendario de reunións.

Xa en marzo procederase a elaborar un borrador do programa, que se remitirá ao coordinador de cada consellería para a súa revisión, e en maio comezará a tramitación da avaliación ambiental estratéxica. O documento será trasladado tamén ao Consello Galego de Medio Ambiente e a consultas de información pública. A previsión é que o Consello da Xunta o aprobe antes de que finalice o próximo ano.

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >