A versión da Xunta O secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, asegurou que o Goberno galego non colaborará economicamente na organización do partido, que corre a cargo da FGF. «A Xunta apoia as seleccións galegas e calquera evento deportivo que sirva de promoción a Galicia, pero non consta unha demanda de celebración deste partido nin por parte dos clubs nin da FGF. No caso de que a federación reclame a organización e celebración do encontro da selección galega absoluta de fútbol, a Xunta apoiaríao e estaría representada no evento, pero nunca en forma de financiamento, xa que non é o mellor momento económico para iso». A Lei 11/1997, Xeral do Deporte en Galicia establece no seu artigo 11.1.a que «será competencia da Administración autonómica autorizar a realización de actividades deportivas e a celebración de competicións que afecten as competencias propias das federacións deportivas galegas no ámbito da Comunidade Autónoma» e no 32.k. que «corresponderán ás federacións deportivas galegas como competencia exclusiva na súa respectiva modalidade deportiva as funcións de representar a Galicia en actividades e competicións deportivas de carácter estatal ou supraestatal organizando as seleccións autonómicas». A versión da Federación
O presidente da Federación Galega de Fútbol, Carlos Meana, explicou que non recibiu comunicación algunha por parte da Secretaría Xeral, lembra que é a Xunta a que ten a última palabra sobre o evento e asegura que «a federación non vai a gastar unha cantidade importante de diñeiro para organizar un partido como ese en decembro, cando nos tempos que corren os recursos económicos da FGF son máis necesarios noutros ámbitos do fútbol galego». Neste sentido, incidiu na «delicada situación económica de moitos dos clubs galegos que compiten baixo o noso amparo». «Debemos dar exemplo», conclúe o mandatario federativo. Carlos Meana lembra que «o financiamento principal deses partidos proviña da Fundación Deporte Galego, pero ese acordo expirou coa lexislatura anterior». Ademais, o presidente da FGF explica que «conseguir os recursos económicos necesarios para a organización dun partido como este é moi complicado, sobre todo tal e como está a situación económica hoxe en día». «Polo momento, a FGF mantense á espera, pero a día de hoxe non hai nada ao respecto », di. Reclamacións do BNG
O grupo parlamentario do BNG pediu no Parlamento que a Cámara reclame á Xunta o impulso para a celebración de encontros deportivos das seleccións galegas con outros combinados autonómicos, xa que a Xunta non mostra "o máis mínimo interese" por celebrar o partido que se viña celebrando en nadal durante os últimos anos. O grupo parlamentario presentou esta iniciativa a través do seu deputado Alfredo Suárez Canal, despois da resposta dada na Cámara polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, na que deixaba entrever a negativa da Xunta ante este tipo de enfrontamentos. O deputado nacionalista lembra que o deporte é "un referente importante para cohesionar colectividades e reafirmar sentimentos comúns", tanto sexan de carácter "local, nacional ou estatal". Suárez Canal denuncia a falla de interese que mostrar a Secretaría Xeral para o Deporte. "Só se atreven a tentar ridiculizar as representacións deportivas do ámbito nacional galego, recurrindo, coma sempre nestes casos, ao argumento económico cando o custe é irrelevante si se fan as cousas axeitadamente", concluíu o deputado do BNG. A opinión dos xogadores
O extremo Jonathan Aspas, o centrocampista Emilio Viqueira e o dianteiro Roberto Losada teñen realizado declaracións e diversos medios nas que lamentan non poder vestir as cores da selección galega e din sentirse “apenados” por unha decisión que “é política” e non deportiva. Aspas, actualmente no Excelsior Mouscron da Jupiler League de Bélgica, e un dos históricos da selección galega, afirmou, que os catro partidos disputados ata o momento polo combinado galego –contra Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán-- foron “unha cousa moi boa” e “sempre houbo espectáculo”. Lembra que Galicia aínda está “imbatida” e que conta con xogadores de calidade, “xogadores diferentes e importantes”. Por iso, cre que xogar na selección galega é un “escaparate” co que darse a coñecer no resto de España e do mundo. Tamén o extremo Viqueira, que actualmente milita no Xerez, destaca o sentido de equipo dos xogadores galegos. “É un motivo bonito para xuntarnos todos e para vestir a camiseta galega”, apunta. “Ademais é un xeito de vender Galicia”, agrega. No mesmo sentido expresase o dianteiro Robero Losada, que xoga no Lugo, quen destaca o bo ambiente entre os xogadores. “Faciamos piña e estabamos moi relacionados. Xogar servía para vernos todos e para xogar pola nosa selección. Era, ademais, unha festa”, engade. Por iso, asegura sentirse triste por non disputar este ano o partido. “É unha pena moi grande porque ata agora todos estabamos moi contentos de como nos estaban indo as cousas”, afirma. “Ademais a afección estaba contenta con nós”. Tamén insiste na proxección internacional de Galicia e dos seus xogadores. “É moi bonito xogar con Galicia, que nos coñezan fora e que somos galegos”. Desmontando a excusa Parece ser que no orzamento da Dirección Xeral para o Deporte e da Fundación Deporte Galego, disolta recentemente polo goberno do PP, para 2009 existían partidas suficientes para facer frente ao evento, pois o partido da selección galega foi un dos puntos importantes da política deportiva do BNG, mesmo nun escenario de recorte do orzamento como foi o do ano 2009 (a Dirección Xeral baixou o seu orzamento en máis dun 1%). O evento nos anos anteriores non se cubriu unicamente con orzamento público, senón cos ingresos das entradas e do merchandising, e cos patrocinios de distintos sponsors, que permitiron equilibrar os gastos. Quizais o atranco é a negativa de levar adiante estas xestións pola actual Secretaría Xeral para o Deporte. De tódolos xeitos parece claro que o actual goberno considera o partido da selección galega como unha iniciativa nacionalista non desexable e contraposta ao seu ideario. |