Advertisement
Puntogal
Luís Pimentel. Sombra do aire na herba (1959) PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 3
MaloBon 
jueves, 17 de diciembre de 2009

Un ano despois da morte de Luís Pimentel (1958), Galaxia publicaba unha colectánea de poemas inéditos so o título de Sombra do aire na herba, cun prólogo do Cilistro, é dicir, Celestino Fernández de la Vega, con quen o poeta compartía parolas no Méndez Núñez de Lugo, na rúa da Princesa que na República foi rúa da Liberdade (que diferenza!).

O poemario foi recollido e organizado polos seus amigos de parladoiro. Ánxel Fole, quen acudía á casa do poeta canda Ramón Piñeiro nos tempos republicanos, foi un dos amigos máis íntimos do finado Luís Pimentel e foi un dos que interveu no libro.

Con certeza que a maioría dos poemas estaban redactados en castelán naquelas follas escritas en tinta vermella e foron traducidos ao galego polos dous amigos citados. Consultar e traballar cos orixinais así nolo amosa. Pero isto non recúa un milímetro na calidade e fondura da lírica pimenteliana.

Moito se debateu arredor da inclusión do poeta no campo literario galego. Maiores son os debates para considerar cáles trazos cómpre para que un escritor ou escritora pertenza á literatura galega. Para min non hai dúbida: é un poeta galego. Pimentel escribía en castelán pero tiña unha inequívoca identificación coa nosa lingua e por iso o seu único libro publicado en vida, Triscos, foi en galego. Que el escribise máis cómodo en castelán non impedía que denantes de publicar se asesorase para traducilos ao galego. Ese xesto voluntario faime opinar que Luís Pimentel é un poeta de noso.

O estilo da súa poesía é sinxelo. Escolleu o verso libre para non cercarse nos lindeiros da métrica xa que Pimentel dificilmente podería aceptar os lindes á súa expresión. A súa vida de médico, que o fixo tratar de preto as desgrazas humanas e a miseria da vida manifestada nos cativos, influíron poderosamente na sensibilidade que ciscou nas follas da consulta. O piano, símbolo modernista; Chopin, símbolo romántico; Rilke, símbolo provinciano... E Pimentel pregando estar só no seu cuarto.

Mais hai un poeta denantes da guerra e outro despois. A quen daquela xeración non o marcou a guerra? Os disparos no camposanto preto da súa casa en Bispo Aguirre levárono de novo a vivir dentro da muralla. As novas dos asasinatos e exilio de vellos amigos mallaron na súa sensibilidade. A persecución e medo que sufriu na súa familia (o seu irmán Carlos fora concelleiro socialista en Lugo) feriron eternamente ao poeta. Queimaron o seu libro Follas dun médico de garda (co tempo Barco sin luces) a comén do dono da Nós!

Foi un galeguista e un home de bo corazón. Un día á semana pasaba consulta de balde para aquelas persoas que non tiñan. Levou unha vida decote monótona pero altamente feliz. Paseaba as murallas da cidade aldeá devagariño. Nunca fixo mal a ninguén.

Galaxia publicou hai nada a obra completa de Luís Pimentel, da man da especialista Araceli Herrero Figueroa, nunha edición moi ben coidada como lle corresponde ao prezado escritor. Agardamos sexa lida e vivida polos seus lectores.

Denantes de rematar quixera alertar da pouca atención que se lle dá a Luís Pimentel, como tamén se lle dá a outro valiosísimo poeta como é Aquilino Iglesia Alvariño. Son filólogo galego e durante os meus estudos na Universidade apenas se falou destes poetas. Na escola, moito menos. Confeso que descubrín a Pimentel por propia iniciativa. Lin todo o que puiden e atopei (incluída a obra completa en Ediciones Celta). Dende aquelas sinto por Luís Pimentel unha íntima veneración. Será polo que Lugo tamén me fai sentir.

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >