Advertisement
Puntogal
Nadal solidario contra a pobreza PDF Imprimir E-Mail
Calificación do usuario: / 0
MaloBon 
Escrito por Antón F. Escuredo/ A. Rodríguez/Fotos: Óscar Dacosta-AGARESO   
jueves, 17 de diciembre de 2009

Nenos nun orfanato
Nenos nun orfanato
Nestas datas as propostas humanitarias multiplícanse. A mala ou boa conciencia fan que os nosos hábitos dentro do “mundo rico” (consumismo, gastos innecesarios,...) queden maximizados diante das imaxes de necesidades que pasan a outra parte da poboación mundial.  Diante deste panorama hai xente que decide actuar. O secuestro en Mauritania, hai xa unhas semanas, de tres cooperantes voluntarios da Organización Non Gubernamental para o Desenvolvemento (ONGD) catalana Acció Solidaria pon en evidencia o traballo silencioso, ás veces mesmo poderiamos falar de perigoso, que está a realizar este sector para axudar aos máis necesitados. En Galiza a expasión da número de ONGD e da súa presencia social data de principios dos anos 90. Na actualidade hai inscritas no rexistro galego de ONGDs 163 organizacións (datos de decembro de 2007), das cales 45 están integradas na Coordinadora Galega de ONGDs para o Desenvolvemento. Esta entidade xurdiu en 1991 e está integrada na Coordinadora de ONGDs-España desde abril de 2002.

Obxectivos das ONGDs

Hai moitos tipos de ONGDs. Algunhas son auténticas “multinacionais” de axuda ao terceiro mundo e outras son moi pequenas. Hainas de carácter relixioso e outras son laicas. Todas teñen en común ser organizacións estables que dispoñen dun grao mínimo de estrutura e non poseer ánimo de lucro. Réxense por un código de conduta que lles esixe ser independentes, actuar con mecanismos transparentes e participativos tanto no nomeamento dos seus cargos como na súa política, nas súas practícase nos seus orzamentos.

Grandes e pequenas

En Galiza traballan grandes organizacións con sedes en varios países. É o caso, por exemplo, de Axuda en acción (www.ayudaenaccion.org) que se atopa tamén en Gran Bretaña, Irlanda, Francia,  Italia e Grecia, ou Médicos sen fronteiras (www.mdf.es). A maior parte son pequenas como é o caso de A Cova da Terra (www.acovadaterra.org), Amigos da Terra (www.amigosdaterra.net/info/cooperacion), a Fundación Meniños (www.meninos.org), Labañou Solidaria (www.labanousolidaria.org) ou Solidariedade Galega (www.solidariedadegalega.org).

Cada organización ten unha historia propia e moi particular. Un exemplo claro das motivacións e a forza con que xurden algunhas iniciativas témola, daquela, en entidades como a que hai un ano fundaron varias persoas en Salvaterra de Miño: a Asociación Solidariedade San Roque de Leirado.

Testemuñas

Nos últimos anos xurdiron outros tipos de organizacións que están a xogar un papel fundamental no mundo da axuda ao Terceiro Mundo. Non traballan a distribución de axudas pero si fan de testemuñas de que os envíos chegan ao seu destino e, ademais, refliten con diverso material as necesidades que esa outra parte do planeta padece. Deste estilo existen a nivel estatal e galego. A nivel estatal, e internacional, unha das máis importantes é Reporteros sin fronteras (www.rsf-es.org) e a nivel galego  Agareso, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios.

Todas estas organizacións dependen das axudas que os diferentes gobernos lles podan aportar pero tamén da solidariedade cidadá. Teñamos boa ou mala conciencia, sexa por concienciación ou por moda, non deixemos de aportar algo do que outros carecen.

 

Querer é poder: Asociación Solidariedade San Roque de Leirado

María Soledad Pino e o seu marido, Petro Knyzhnyk comezaron hai pouco máis dun ano unha andaina que os levou, xa en dúas ocasións, á capital de Ucrania. Acompañando a un camión cargado de roupa, camas, material escolar e milleiros de ilusións este matrimonio da parroquia de Leirado, en Salvaterra, crearon a Asociación Solidariedade San Roque que grazas á axuda de tódolos veciños tenta aplacar as necesidades máis básicas da cidade de Kiev. Hai un mes partía o segundo camión que deixou en hospitais e escolas todo aquelo que a nós nos sobra e a eles axuda. Hospitais sen auga corrente, cativos que sobreviven na rúa, familias destrozadas polas consecuencias da catástrofe de Chernóbil e invernos cun frío que non dá tregua son algúns dos aspectos que destacan Marisol e Petro; pero, evidentemente, é moi difícil resumir todo o que este país do leste necesita porque son moitas as necesidades.
Con moita ilusión e poucos recursos a Asociación Solidariedade San Roque en tan só un ano xa conseguiu achegar ata Ucrania dous trailers cargados grazas á axuda dos voluntarios que durante meses recollen e seleccionan roupa, calzado, colchóns...
Nos hospitais as mantas fan de colchón... pero ¿que é o que fai de manta?: Nada. Con temperaturas de menos seis graos baixo cero os enfermos cúranse en hospitais sen auga corrente, cun só aseo por planta, con quirófanos precarios e escaseza de medicamentos.
Os nenos que conseguen sair da rúa aprenden en escolas sen fiestras e conviven en orfanatos nos que cada caixa de axuda sementa a ledicia e a ilusión.Xa ven, co que nos sobra a nós poderían vivir moitos nenos noutros países. 

 

Os ollos das mans amigas: Asociación Galega de Reporteiros Solidarios

Agareso, Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, emprendeu a súa andaina hai menos dun ano e logo de pasar por Marrocos e Centroamérica decidiu acompañar á Asociación Solidariedade San Roque na súa viaxe a Ucrania. Un xornalista, Roi Palmás, e un fotógrafo, Óscar Dacosta, acompañaron a Marisol e Petro para converterse nos nosos ollos e relatarnos a necesidade e as carencias dos orfos e cidadáns de Kiev.
Para estes dous profesionais da comunicación é difícil resumir todo o que os seus lapiceiros e ópticas captaron pero quédanse coas carencias das institucións públicas e o frío infernal que conxela os folgos. Enternecidos polas vivenzas pero suficientemente obxectivos como para contarnos cada detalle, estes dous reporteiros foron colgando na páxina de Aareso o día a día dunha expedición que chegou a Kiev para axudar a nenos e maiores.
Abrirnos os ollos e trasladarnos realidades descoñecidas é a laboura solidaria destes reporteiros que esta semana presentaban en rolda de prensa a actividade da asociación dende a súa creación.
O don de escribir e o de captar as mellores imaxes transfórmanse en axuda indispensable para todos aqueles pobos esquecidos polos que gozamos da cotidianidade sen grandes sobresaltos. 

 

Vivamos con menos

O resultado de máis dun cuarto de século de hexemonía do capitalismo neoliberal levou a un incremento das desigualdades no conxunto do planeta. Existe xa unha visión integral e suficiente no tempo para fixar un catálogo de todos os despropósitos e efectos macroeconómicos e sociopolíticos -a escala planetaria- dos que foi, e continúa a ser, unha alternativa escasamente encuberta da complexa arquitectura económico-social por parte dos sectores dominantes do mundo que fiscalizan, e intentan dirixir, o que habitualmente se entende por globalización. O apeadeiro onde a humanidade ten que baixarse deste tren, que se move imparable e a unha velocidade vertixinosa, descoñécese aínda, pero o propósito -o plan dos sectores que acaparan todos os resortes do poder político e económico- é xa diáfano: manter nas novas condicións históricas, e se cabe, profundar, as estruturas de dominio sobre a gran maioría da poboación mundial a beneficio da acumulación de riqueza, privilexios e capital en mans da citada elite que controla o planeta. O consumo masivo propio deste modelo de capitalismo arrastra, co seu enorme poder de fascinación a centos de millóns de novos discípulos nos estados emerxentes, mentres outros miles de millóns permanecen marxinados e non poden participar no banquete consumista nun mundo onde as desigualdades son cada vez máis impúdicas, desvergoñadas e ata inmorais. Esta situación, que favorece a colosal colisión da xigantesca e contaminante pisada humana, que ameaza con transportarnos a todos a un síncope sen precedentes na historia da humanidade ou no mellor dos casos que podería conducirnos a perigosos retrocesos na nosa existencia civilizada. É posible parar ese perigoso itinerario? É posible construír un mundo con maior igualdade, máis equilibrado e ecoloxicamente sostible? Seremos capaces os humanos de crecer un pouco menos ou talvez comezar a pensar na necesidade dun decrecemento global? Moito se fala de eficiencia enerxética, de enerxías renovables, de reciclaxe e de reutilización, todos temas moi pertinentes e necesarios de asimilar, pero que a fin de contas non serven para nada de non asumir un compromiso moito máis transcendental e a longo prazo. A nosa demanda de “planeta verde” non se fai sostible separando o noso lixo ou transformando os sacos plásticos en novos sacos (con todo o respecto que merecen esas accións e considerando a súa evidente necesidade como medidas paliativas). O planeta non se salva só organizando apagamentos nin sumándose ao día sen auto; menos comprando bonos de CO2, plantando árbores ou facendo mobles de tetra pack. Eu creo que conviría reducir e sistematizar, en base a parámetros racionais e planificados, o metabolismo do organismo social. Reducir o tamaño desa pisada xigantesca, voraz, insaciable e altamente contaminante dos países ricos e ao mesmo tempo mellorar as condicións de vida desa parte da humanidade que sofre unha escaseza insoportable, vergoñosa e inmoral. En efecto creo que sería moito mellor que fósemos máis austeros e conseguísemos vivir con moito menos.

*Óscar Lomba érealizou estudos de maxisterio, filosofía e dereito económico.

 

 

 

Trackback(0)
Comentarios (0)Add Comment

Escribir comentario
menor | maior

security code
Escribe os caracteres da imaxe


busy
 
< Anterior   Seguinte >