 Samuel Juárez O conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, apostou esta por “impulsar máis” a sinatura de contratos homologados entre a industria láctea e os produtores para superar unha situación no sector “que non é a mellor” e que permita pór fin ás mobilizacións que varias organizacións de agricultores están protagonizando nos últimos días.
Durante un acto celebrado na sede do D. O. Rías Baixas en Pontevedra, Samuel Juárez afirmou que cómpre volver a reunir a comisión de seguimento do acordo lácteo, que non se reúne desde o pasado mes de setembro, “para repasar por que o ritmo de sinaturas dos contratos está sendo tan lento” e avogou por mellorar neste sentido “para que a distribución priorice as contratacións e manteñan unha relación normalizada cos gandeiros”, dixo. “Non caben atallos, non caben medidas de presión, simplemente que se cumpra o asinado”, afirmou Juárez, quen lembrou que desde a Administración autonómica “se está traballando para resolver este conflito” e insistiu en que “hai cauces para trasladar o malestar e ouposicionamento dos gandeiros, pero aquelas medidas que redundan en prexuizos a terceiros e coaccións non son desexables”. Samuel Juárez fixo estas declaracións durante o acto de clausura da presentación do proxecto piloto no que participaron dez adegas do D. O. Rías Baixas para implementar modelos de xestión e control coa finalidade de mellorar a calidade dos seus viños, unha iniciativa xestionada pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e financiada pola Unión Europea a través dos fondos Feader para o desenvolvemento rural. Este estudio mostra que unha das áreas nas que se pretende acometer actuacións innovadoras é a sistematización e mellora dos controis de calidade nos distintos procesos produtivos, “unha mellora que conducirá a satisfacer as esixencias da distribución e suporá, en gran medida, unha garantía de produtos seguros e de calidade para o consumidor”, indicou.
Trackback(0)
|